Unha Unidade Asociada de USC e CSIC estudará o potencial antitumoral dos cultivos de brásicas
Cultivos como o brócoli, verzas e grelos teñen en común a súa pertenza ao xénero das brásicas. Agora, unha unidade asociada da USC e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) encargarase de analizar os compostos con efectos antitumorais presentes nos cultivos de brásicas e os seus metabolitos secundarios, así como o estudo dos seus mecanismos de acción e o desenvolvemento de accións terapéuticas.
Este traballo conxunto é froito da colaboración entre o Laboratorio SNL-LENNART LEVI da USC e o grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), pertencente ao CSIC. O investigador responsable da Unidade Asociada ‘Farmabrassicas: metabolitos de plantas e saúde humana’ é Manuel A. Freire-Garabal, catedrático da USC, mentres que o seu homólogo por parte do CSIC será Pablo Velasco Pazos da MBG.
Máis dunha década
A Unidade nace logo dunha colaboración científica previa entre os dous equipos que, hai algo máis dunha década, iniciaron unha liña de traballo centrada no estudo do efecto dos compostos glucosinolatos presentes nos cultivos de brásicas en diferentes liñas celulares de cancro de mama e próstata. O equipo da USC ten como actividade principal o descubrimento de compostos de orixe natural e sintética con actividade antitumoral, mentres que o grupo do CSIC estuda os compostos bioactivos presentes en cultivos de brásicas.
“Nas últimas décadas prestouse unha grande atención á prevención do cancro por medio de produtos naturais e, en concreto, ás propiedades quimioprotectoras dos compostos glucosinolatos presentes na familia de plantas crucíferas (Brassicaceae)”, explican dende a Unidade. Os glucosinolatos e os seus produtos de degradación, os isotiocianatos (ITCs), son compostos únicos e exclusivos destas plantas que actúan fronte a diferentes enfermidades a través da protección contra a inflamación e estrés oxidativo nas células, retardando ou previndo certos cancros e outras enfermidades cardiovasculares ou neurodexenerativas. “Por iso, non é de estrañar o grande interese que xerou na comunidade científica o estudo da relación entre o contido en ITCs e a diminución da incidencia de determinados tipos de cancro en humanos”, matizan.
A Unidade Asociada non só permitirá obter resultados no ámbito da mellora dos cultivos e da produción agraria sostible, senón que tamén contribuirá a estreitar as relacións entre a USC e o CSIC, en xeral, e entre a Facultade de Medicina e Odontoloxía e a MBG en particular, “o que podería favorecer a xeración doutras novas sinerxías”, sinalan. Entre outras actuacións, prevese a publicación en conxunto de artigos científicos sobre os resultados alcanzados ou a realización de accións de formación e divulgación, entre outras.