Pasar al contenido principal

Recentes escavacións na Cova Eirós achegan descubertas sobre a vida e a arte no Paleolítico galego

Mandíbula de cervo recuperada no nivel 4 de Cova Eirós
Mandíbula de cervo recuperada no nivel 4 de Cova Eirós
A intervención que concluíu este agosto permitiu documentar unha técnica artística non rexistrada en anteriores prospeccións e afondar no coñecemento dos costumes das comunidades neandertais que habitaron o lugar
Lugo, Santiago de Compostela

Unha nova exploración arqueolóxica da Cova Eirós, situada na parroquia lucense de Cancelo (Triacastela), proporciona datos novidosos sobre a Prehistoria das montañas luguesas. Os traballos desenvolvidos ao longo deste verán dan continuidade e amplían as escavacións precedentes dos niveis do Paleolítico medio e permiten documentar as manifestacións de arte rupestre no seu interior.

Nesta campaña de 2023 participan membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC (GEPN-AAT), do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES-CERCA) e da Universitat Rovira i Virgili (URV), ao abeiro dun convenio coa Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Indicios dos modos de vida e evidencias artísticas

As intervencións arqueolóxicas realizadas ao longo do verán centráronse na exploración da entrada de Cova Eirós e na documentación da arte do interior. Os resultados da investigación ofrecen nova información sobre os modos de vida das comunidades de neandertais que ocuparon a Cova Eirós e sobre o mundo simbólico do Paleolítico superior. A nova exploración do nivel do Paleolítico medio (Nivel 4) amplía o coñecemento sobre os grupos que habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos e que utilizaron a cova como campamento durante tempadas relativamente longas. Nas escavacións recuperáronse os restos das ferramentas líticas fabricadas en cuarcitas e cuarzos recollidos nas beiras dos ríos próximos. Estes aparellos eran usados para procesar os animais cazados, as súas peles e para fabricar ferramentas en madeira. Atopáronse, tamén, restos óseos e dentais das presas, como mandíbulas e ósos de cervo. 

As comunidades de neandertais no lugar capturaban cérvidos, rebezos e cabalos nos vales e bosques próximos que despois, unha vez despezados, levaban á cavidade. Algúns destes restos óseos conservan aínda as marcas de corte feitas coas ferramentas líticas usadas para o seu descarnado. As pezas recuperadas amosan que Cova Eirós tamén foi ocupada alternativamente por carnívoros que a usaban como cubil ou oseira. 

En paralelo ás escavacións, realizáronse traballos de documentación e fotogrametría e levantamentos en 3D dos paneis contedores de arte nas salas do interior de Cova Eirós. Nesta campaña identificáronse novos motivos no fondo das galerías realizados cunha técnica non documentada ata o momento. Descubríronse puntos e signos pareados debuxados en pintura vermella no teito da galería, cun uso do ocre como pigmento que non fora documentado en ningún dos paneis coñecidos previamente e que amplía as técnicas e motivos representados na arte de Cova Eirós.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.09.2023.