Alumni USC organiza unha xornada cultural na Domus do Mitreo cunha charla do arqueólogo Celso Rodríguez Cao e visitas guiadas
A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) organiza o vindeiro martes 10 de novembro, a partir das 20.00 horas, unha xornada cultural arredor do xacemento arqueolóxico que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo.
O programa desta xornada, que está aberta á participación de todos os socios e socias de Alumni USC, así como a todo o público interesado pola temática, comezará no auditorio da Casa de Sabe de Lugo cun relatorio a cargo do responsable da escavación arqueolóxica deste xacemento mitraico, Celso Rodríguez Cao.
Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, coa especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía, Rodríguez Cao foi o responsable da escavación arqueolóxica que descobre e pon en valor a Domus do Mitreo, un xacemento que agora acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo, emprazado a carón do edificio da Vicerreitoría do Campus de Lugo.
Distinguido en 2003 co Premio á Mellor Investigación Etnográfica outorgado pola Deputación Provincial de Ourense, Rodríguez Cao é tamén membro investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo. Ao longo da súa xa ampla traxectoria este investigador ten realizado actividades de escavación arqueolóxicas nas Burgas, Ourense, un labor que xa está recollido no volume ‘Aqva divi vrbs. Agua, dioses y ciudad excavaciones arqueológicas en As Burgas (2005-2010)’. Celso Rodríguez Cao tamén ten participado como responsable de arqueoloxía en diversas actuacións desenvolvidas no castro de San Cibrao de Las, nas catedrais de Lugo, Ourense, Mondoñedo, San Martiño, e, entre outras na muralla lucense.
Unha vez rematada a súa exposición, o propio Celso Rodríguez Cao será o encargado de conducir ao público presente na sesión en visitas guiadas polo xacemento arqueolóxico que acubilla o Museo Universitario A Domus do Mitreo, así como polas salas complementarias do mesmo.
Esta xornada cultural promovida no campus de Lugo pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC é a primeira das accións que está a programar este colectivo ligado á institución académica compostelá na cidade e na provincia de Lugo ao longo do presente curso, un período no que Alumni USC ten previsto celebrar outras dúas sesións expositivas sobre temas de interese xeral, ademais dunha xornada de carácter máis lúdico que se desenvolverá na Ribeira Sacra nalgunha data da primavera de 2020.