Pasar al contenido principal

A oferta formativa de teatro e danza inicia un novo curso na USC

Imaxe de arquivo de danza na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo de danza na USC. FOTO: Santi Alvite
Dende este martes 12, xa é posible solicitar praza en boa parte das actividades programadas a excepción daquelas que requiren probas de acceso
Lugo, Santiago de Compostela

A oferta formativa en materia de teatro e danza inicia un novo curso na USC cun amplo abano de actividades. Así, dende este martes 12 xa é posible matricularse nos Cursos de Teatro do Campus de Lugo, mentres que a matrícula en Compostela bota a andar o 25 de setembro, logo das probas de acceso que terán lugar os días 19, 20 e 21 de setembro, dende as 18.00 horas, na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño. Pola súa parte, o espazo de Danza oferta nos dous campus un total de quince actividades que xa poden consultarse na páxina web de Cultura na USC.

Teatro

O vindeiro luns 18, ás 20.00 horas, tamén na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño de Compostela, desenvolverase un encontro aberto a todas as persoas interesadas na actividade teatral, dende a formación ata a produción. “Presentarase o programa a desenvolver durante este curso académico e o alumnado poderá preguntar e resolver calquera dúbida que teña ao respecto do traballo a realizar: probas de acceso, matrículas, ou contidos, entre outros”, apuntan dende a Área de Cultura da USC. Esta actividade enmárcase dentro das xornadas de inicio de curso #BenVidaUSC! Pola súa parte, e tamén dentro das actividades de benvida, o Campus de Lugo acollerá aulas abertas de teatro o mércores 20, ás 19.00 horas, e o luns 25, ás 20.30 horas, na Facultade de Veterinaria. 

Danza

Cursos de pandeireta, de danza creativa, danza contemporánea, danza tradicional galega, e ioga danza son as actividades ofertadas no Campus de Lugo cuxo prazo de inscrición bota a andar este martes 12. Ademais, na páxina web tamén poden consultarse os requirimentos para acceder á Compañía de danza da USC-Lugo, ao programa de asesoramento e apoio á formación de compañías independentes de danza ‘Crea o teu grupo de danza, usa o teu espazo!’ (tamén ofertado en Compostela) ou á Compañía de danza ‘Sen vergoña’ da USC-Lugo. No Campus de Santiago, as actividades ofertadas son danza swing, danza creativa, danza contemporánea, pandeireta, danza tradicional galega, e tango. O Espazo de Danza tamén terá un papel moi activo nas xornadas de benvida con múltiples aulas abertas nos dous campus.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.10.2023.