Pasar al contenido principal

Un equipo interdisciplinar analiza a incidencia da endogamia nos trazos faciais dos Habsburgo

Este traballo analizou de forma conxunta a deformidade facial a través dos retratos históricos e o grao de parentesco
Este traballo analizou de forma conxunta a deformidade facial a través dos retratos históricos e o grao de parentesco
Un total de dez cirurxiáns maxilofacilais realizaron o diagnóstico da deformación facial en 66 retratos de diferentes membros da dinastía
Lugo, Santiago de Compostela

A “mandíbula habsburga”, unha condición facial presente nos monarcas españois e austríacos da dinastía dos Habsburgo e nas súas esposas, está directamente relacionada coa endogamia, segundo unha investigación realizada na USC e cuxos resultados acaban de ver a luz en Annals of Human Biology. Este traballo analizou de forma conxunta a deformidade facial a través dos retratos históricos e o grao de parentesco para determinar se existía unha relación directa entre ambos os dous factores, tendo en conta la base xenética desta relación.

Os matrimonios entre membros da mesma familia en Europa durante máis de dous séculos de dinastía en España e Austria, determinaron esta condición que non se tiña investigado ata o de agora, confirmándose que a barbadela característica dos seus membros, coñecida como “mandíbula habsburga” debíase á endogamia. “A dinastía dos Habsburgo foi unha das máis influíntes en Europa, pero era coñecida pola súa endogamia, que acabou derivando na súa desaparición. Trátase da primeira vez que se ten confirmado que existe unha relación directa entre a endogamia e a aparición da mandíbula habsburga”, indica Román Vilas, investigador da USC que liderou o estudo. Neste traballo foron claves as achegas do profesor da USC Gonzalo Álvarez Jurado e de Francisco Ceballos da Universidade de Witwatersrand. De feito, a tese de doutoramento do propio Ceballos, dirixida por Gonzalo Álvarez, iniciou o estudo dos efectos da cosanguinidade nas dinastías reais de Europa hai xa unha década.

Os investigadores seleccionaron un total de dez cirurxáns maxilofacilais para facer o diagnóstico da deformación facial en 66 retratos de quince membros da dinastía. A pesar da diferenza no estilo artístico-pictórico, todos os retratos ofrecían unha representación realista do rostro humano. Os cirurxiáns diagnosticaron once características distintivas da articulación mandibular, así como sete indicios de deficiencia maxilar, sendo as máis distintivas o prominente labio inferior e a punta nasal caída.

Sistema de puntuación

Os retratos consérvanse en museos tan prestixiosos como o Museo da Historia da Arte de Viena ou o Museo do Prado de Madrid. Os cirurxiáns estableceron un sistema de puntuación do grao de luxación mandibular en cada membro da familia habsburga. María de Borgoña, que casou cun membro desta dinastía en 1477, mostraba o menor grao de deformación en ambos os dous trazos. Por outra banda, o membro que presentaba esta luxación algo máis acusada era Felipe IV, Rey de España e Portugal entre 1621 e 1640 . Os membros da dinastía que presentan o maior grao de luxación son Maximiliano I, rey dende 1493; a súa filla Margarita de Austria; o seu sobriño Carlos I de España; Carlos, o bisneto de Felipe IV; e o último na liña de sucesión dos Habsburgo, Carlos II.

Os autores deste estudio estableceron unha correlación entre dous factores, indicando que a “ mandíbula habsburga” presenta estes dous trazos característicos e que comparten unha base xenética. A magnitude da endogamia foi medida cunha árbore xenealóxica de grande escala, incluído máis de 6.000 individuos de máis de 20 xeracións distintas. Está análise foi realizada para determinar se estaba relacionada co grao de deformidade facial. Os investigadores detectaron que existía unha relación directa entre o grao de endogamia e o grao de luxación mandibular.

A relación entre endogamia e deformidade facial segue sen estar totalmente esclarecida, pero os autores do estudio sinalan que as relacións mantidas entre membros da mesma familia representan un factor que incrementa as posibilidades de que a descendencia herde xenes idénticos por parte do pai e da nai, o que se coñece coma homocigosidade xenética. Este factor reduce a aptitude xenética, polo que a “mandíbula habsburga” debe ser considerada como un autosómico recesivo.

“A nosa investigación está baseada en datos históricos, porén a endogamia existe aínda en determinadas áreas xeográficas e entre algún grupos relixiosos ou étnicos, polo que resulta interesante investigar os efectos a día de hoxe”, destaca Vilas. “A dinastía habsburga serve a modo de laboratorio humano para os investigadores desta área de coñecemento, xa que presenta un alto grado de endogamia”, engade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2019.