Pasar al contenido principal

Unha investigación da USC avanza na produción de bioplásticos a partir de augas residuais do sector da conserva de pescado

De esquerda a dereita Anuska Mosquera, Robbert Kleerebezem, Mª Eugenia Suárez, Tania Palmeiro, Thelmo Lu e José Luis Campos
De esquerda a dereita Anuska Mosquera, Robbert Kleerebezem, Mª Eugenia Suárez, Tania Palmeiro, Thelmo Lu e José Luis Campos
Tania Palmeiro estuda na súa tese, dirixida por José Luis Campos e Anuska Mosquera, a transformación de elementos orgánicos contaminantes en compostos poliméricos

A tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC a investigadora Tania Palmeiro Sánchez baixo o título ‘Valorización de augas residuais salgadas: un reto para a obtención de bioprodutos’, aborda a produción de bioplásticos a partires de augas residuais procedentes do sector da conserva de pescado.

Esta investigación de doutoramento, dirixida polos profesores José Luis Campos Gómez, da universidade chilena Adolfo Ibáñez, e Anuska Mosquera Corral, do Departamento de Enxeñaría Química da USC, avanza no estudo da transformación dos compostos orgánicos contaminantes das augas residuais mediante a aplicación de procesos biotecnolóxicos para obter compostos poliméricos con propiedades similares aos plásticos convencionais producidos a partir do petróleo. Os polímeros obtidos logo deste proceso denomínanse bioplásticos e acumúlanse de xeito natural no interior das células microbianas que normalmente son empregadas no tratamento biolóxico das augas residuais.

Esta produción de bioplásticos constitúe un xeito de aplicar a economía circular, que, á súa vez, constitúe unha das recomendación que promove a Unión Europea na actualidade nun sector de gran relevancia en Galicia como é o conserveiro de pescado.

A tecnoloxía precisa para a completar con éxito os procesos de obtención e produción de bioplásticos a partires das augas residuais procedentes das conservas de pescado atópase na actualidade en fase de desenvolvemento na USC, no marco do proxecto Fishpol. O obxectivo desta actuación, que conta con financiamento da Unión Europea a través dos fondos Feder, e tamén con partidas económicas do Goberno de España, é o de producir por cada 100 quilogramos de composto orgánico uns 6 quilos de bioplástico.

Tribunal de tese e cualifiación

Os doutores Thelmo Lu Chao, da Universidade de Santiago de Compostela, María Eugenia Suárez Ojeda, da Universidade Adolfo Ibáñez, e Robbert Kleerebezem (TU Delft, Países Baixos), conformaron o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Tania Palmeiro, unha investigación que mereceu a máxima cualificación académica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.08.2017.