Pasar al contenido principal

Aberta a convocatoria dos VIII Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na USC

Cartaz dos VIII Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero da USC
Cartaz dos VIII Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero da USC
A iniciativa, que responde ao II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC, está orientada a docentes e investigadores da USC

A Vicerreitoría de Estudante, Cultura e Responsabilidade Social da USC, a través da Oficina de Igualdade de Xénero, vén de convocar a oitava edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, unha cita dirixida a membros e equipos de PDI da USC cuxo prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de setembro de 2017.

Os premios á introdución da perspectiva de xénero da USC constitúen unha iniciativa que responde ao II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC e contempla dúas modalidades de participación, unha orientada a accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia na USC e outra, na que se valoran os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento.

Os premios da USC á introdución da perspectiva de xénero responden a unha acción que xa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos. Esta iniciativa tamén figura entre as medidas incluídas na ferramenta en liña (GEAR tool), de apoio a organizacións investigadoras (como as universidades) na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

A oitava edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero convocada pola USC conta tamén coa colaboración do Concello de Santiago, que é a entidade que financia os premios económicos cos que se agasallará aos autores/as dos experiencias máis valoradas en cada unha das modalidades do certame. As bases da convocatoria destes premios, así como a información relativa a prazos, modalidades de participación e outra información de interese, están xa accesibles na web da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.07.2017.