Pasar al contenido principal

“Un gato con sobrepeso é unha bomba andante”, di o director veterinario do hospital Rof Codina

Un gato na súa gaiola, antes da súa revisión no hospital veterinario Rof Codina
Un gato na súa gaiola, antes da súa revisión no hospital veterinario Rof Codina
O complexo hospitalario do Campus de Lugo, que asiste cada ano unha media de 600 felinos, na súa maioría mascotas que presentan “patoloxías de tipo renal” relacionadas coa obesidade, mantén aberta unha campaña gratuíta de control de peso que inclúe unha dieta húmida baixa en calorías subministrada por Pet-Select
Lugo

O hospital veterinario universitario Rof Codina do Campus de Lugo da USC recibe cada ano un promedio de 600 gatos, mascotas felinas que, fundamentalmente, presentan “patoloxías de tipo renal”, sinala o director veterinario do complexo hospitalario. O profesor Antonio González Cantalapiedra considera asemade que boa parte destas patoloxías están relacionadas co sobrepeso, ao tempo que subliña que “unha dieta sana e equilibrada axudaría a previr moitas destas enfermidades, ao tempo que recudiría os riscos para o animal en caso de intervención cirúrxica”.

“Os gatos son as mascotas do futuro, porque non requiren esforzo algún por parte dos seus titores”, di González Cantalapiedra, para, de seguido, advertir da crecente problemática que está a provocar o sobrepeso neste tipo de mascotas por mor da súa vida cada vez máis sedentaria.

“Un gato con sobrepeso é unha bomba andante”, alerta o director veterinario do hospital Rof Codina, para logo sinalar a obesidade como posible causa de múltiples patoloxías que presentan este tipo de mascotas, tales como poden ser a diabetes, formación de cálculos renais, cardiopatías e obstrucción de vías, problemas ortopédicos e de mobilidade... “O peso medio dun exemplar adulto de gato europeo de pelo curto, que é o máis común en Galicia, sitúase entre 3 e 4 quilos, relata o profesor González Cantalapiedra, quen recoñece que “moitos das mascotas felinas atendidas no hospital veterinario chegan ao Rof Codina pesan máis do dobre, entre 6 e 9 quilos”.

Os cambios advertidos tanto na fisonomía como no propio comportamento dos gatos están relacionados coa elección deste animal como mascota, un feito que transforma un seu estilo de vida activa e saudable en espazos libres na natureza noutro máis sedentario e confortable no interior dun fogar, explica González Cantalapiedra, que cifra en máis dun 30% a porcentaxe de gatos obesos.

Control de sobrepeso

A inexistencia de mecanismos habilitados por parte das administracións fai imposible dispoñer dun censo de mascotas actualizado, o que dificulta a vixilancia da súa saúde das mascotas e a prevención de posibles patoloxías, tal e como é o sobrepeso. Para facer fronte a esta realidade, o hospital veterinario universitario Rof Codina e a compañía Pet-Select manteñen aberta ata finais de ano un  programa de control de sobrepeso e adelgazamento de gatos obesos ou cun peso maior ao recomendable.

O obxectivo do programa ‘Obesity’ para gastos pasa por mellorar o seu grao de benestar e contribuír a ampliar a esperanza de vida destas mascotas a partir da súa perda de peso. Daquela, este proxecto investigación promovido desde o hospital veterinario universitario Rof Codina xunto con Pet-Select supón unha oportunidade para que as persoas propietarias deste tipo de felinos se animen a realizar unha revisión completa e gratuíta do seu estado de saúde nas instalacións hospitalarias do Rof Codina.

O único requisito que deben cumprir os animais para participar neste programa de investigación é que estean acostumados a comer exclusivamente alimento para mascotas (pienso). Ademais de acceder a unha revisión veterinaria gratuíta, os titores dos gatos recibirán como agasallo unha dieta húmida e hipocalórica específica para a súa mascota por un período de tres meses. As persoas interesadas poden acadar máis información sobre este programa de perda de peso para mascotas, a través do número de teléfono 982 820 920 ou no enderezo de correo electrónico obesity [at] rofcodina.org (obesity[at]rofcodina[dot]org).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.09.2023.