Os premios á perspectiva de xénero introducen o “xermolo” da igualdade nas aulas
Mª José Domínguez Vázquez, profesora da área de Filoloxía Alemá, xunto a María Álvarez de la Granja, Elisa Fernández Rey, profesoras da área de Filoloxías Galega e Portuguesa; e Lola Mosquera Sánchez, Deborah Nebechukwu e U-Tong Sih foron galardoadas este mércores 27 no acto de entrega da décimo cuarta edición dos premios á introdución da perspectiva de xénero na USC que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. A iniciativa titulada ‘Mulleres na lexicografía’ acadou o primeiro premio, dotado con 1.000 euros, na modalidade de docencia. No capítulo de investigación, impúxose o traballo ‘Cento cincuenta mulleres e ningún home’, presentado por Ana Cabana Iglesias, profesora da área Historia Contemporánea, sobre as mulleres nas protestas no campo galego durante o franquismo, polo cal recibiu tamén 1.000 euros.
O reitor Antonio López presidiu o acto que contou coas intervencións de Sandra Vázquez Domínguez, secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia; Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa do concello de Santiago de Compostela; e Marta Pérez Pereiro, delegada do reitor para a Igualdade, quen deu lectura á acta do veredicto e realizou o chamamento para a entrega de diplomas acreditativos.
Antonio López destacou que estes son uns galardóns que serven “para compartir o que se fai e animarvos a seguir facendo”, en referencia “ao longo camiño” que aínda queda por diante en materia de perspectiva de xénero. O reitor salientou que este tipo de galardóns permite introducir “o xermolo” da igualdade nas aulas. “Non podemos non estar comprometidos coa perspectiva de xénero”, dixo, xa que “somos as persoas formadoras da cidadanía futura”. Antonio López aproveitou o acto para anunciar a vontade da institución de “dar visibilidade ás primeiras universitarias, un capital que temos que recuperar a través do estudo das súas traxectorias xa que son mulleres que romperon muros”. Pola súa parte, a alcaldesa dixo que estes son uns premios “con perspectiva de futuro” e destacou que “calquera cuestión de xénero debe ser transversal”, mentres que Sandra Vázquez apelou á “suma de esforzos entre administracións” para avanzar no eido da igualdade.
Docencia
O segundo premio na categoría de docencia, dotado con 750 euros, galardoou a ‘Petíscame temporada 1: Creadoras galegas. Un videopodcast sobre libros e ilustración producido por docentes en formación’, cuxa autoría corre a cargo de Rocío García Pedreira, profesora da área de Didáctica da Lingua e a Literatura. Finalmente, o terceiro premio foi para ‘Filopedia. Pensamento galego’ de Xosé Luis Pastoriza Rozas, profesor da área de Filosofía, quen recibiu 500 euros.
Investigación
No capítulo investigador premiouse cos 750 euros do segundo galardón a ‘Produción, reprodución e esfera pública: as que limpan’ de Yolanda Martínez Suárez, profesora da área de Filosofía Moral. O terceiro premio de 500 euros distinguiu a Yolanda Maneiro Vázquez, profesora da área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC, por ‘Coidadores, igualdade e non discriminación e corresponsabilidade: a (R)evolución dos dereitos de conciliación da man da Directiva (Ue) 2019/1158’.
Accésit
Ademais, outorgáronse dous accésit a ‘Xénero e política. Novas liñas de análise ante a cuarta vaga feminista’ de Marta Lois González e Alba Alonso Alvárez, profesoras da área de Ciencia Política e da Administración; e a ‘Mariscadoras da ría de Muros-Noia: patrimonio inmaterial de Galicia dende unha perspectiva feminista’ de Guadalupe Jiménez Esquinas, profesora da área de Antropoloxía Social.
Acción consolidada
A USC convoca cada ano estes galardóns que constitúen unha acción consolidada das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero tanto na vertente docente como na investigadora. Esta iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de 50 de toda a Unión Europea. Ademais, esta é unha actividade incluída na ferramenta en liña Gear tool que serve de apoio a organizacións investigadoras, como as universidades.
A convocatoria contempla dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do Persoal Docente e Investigador (PDI) da USC: unha primeira oriéntase a accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia na universidade, mentres que a segunda valora os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento. Estes premios contan co co-financiamento do Concello de Santiago.