Pasar al contenido principal

Veterinaria avanza na prevención de virus en granxas de porcino a través de sistemas de mostraxe e análises do aire

O virus PRRS causa un forte impacto económico nas granxas de porcino. Foto: Pixabay
O virus PRRS causa un forte impacto económico nas granxas de porcino. Foto: Pixabay
O grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) do Campus Terra da USC traballa detección do virus do Síndrome Reprodutivo e Respiratorio Porcino (PRRS) mediante técnicas moleculares a partir de mostras de aire cun proxecto de I+D financiado cuns 100.000 euros pola Axencia Estatal de Investigación
Lugo

O grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC avanza na detección, control e vixilancia das viroses en granxas de porcino a  través un sistema de mostraxe e análises do aire co proxecto ‘Optimización e avaliación de métodos de muestreo en aire para a detección e vixilancia do virus do Síndrome Reprodutivo e Respiratorio Porcino en granxas intensivas (Airporcheck)’, unha nova liña de investigación financiada cuns 100.000 euros pola Axencia Estatal de Investigación na última convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento.

O virus do PRRS está amplamente distribuido en España, onde se estima que aproximadamente o 80% das granxas son positivas a unha infección que ten un control moi complexo, dado que se trata dun virus cunha elevada capacidade de mutación. Esta realidade fai que constantemente se xeren novas cepas víricas que poden diferir, por exemplo, na virulencia, na capacidade de transmisión e sobre todo na capacidade de protección das vacinas. Daquela, cómpre facer unha monitorización constante nas granxas para controlar esta infección

A idea principal desta liña de traballo pasa por desenvolver un protocolo de traballo que permita simplificar a vixilancia do virus do Síndrome Reproductivo e Respiratorio Porcino (PRRS), empregando mostras de aire das granxas e análises moleculares, explica o decano da Facultade de Veterinaria e líder do proxecto, Gonzalo Fernández Rodríguez. Isto podería servir como ferramenta de vixilancia sanitaria para a detección precoz do virus PRRS, ademais de para permitir a caracterización molecular da variabilidade de cepas víricas que están a circular na granxa, engade.

A detección deste tipo de virose a través da instalación de colectores de aire nas granxas permitiría acometer estratexias de prevención, control e mesmo desinfección das explotacións afectadas con maior celeridade e incluso con custe moi inferior ao que implica a toma de mostras de sangue de cada animal, engade Gonzalo Fernández.

O decano da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC apuntou asemade que o protocolo de actuación no que traballa o grupo Invesaga para facer fronte ao virus do PRRS sería válido para actuar fronte a calquera outro tipo de virose que se propague a través do aire. Outras das vantaxes do futuro sistema de detección e prevención de viroses a través de colectores de aire afectan ao maior benestar dos animais, dado que este novo mecanismo de control evitaría a manipulación, pinchazos e mesmo o estrés das reses, explica.

Etapas e prazos do proxecto

O proxecto ten un un prazo de execución de tres anos e está estruturado en dúas etapas. Nunha primeira fase, o equipo de investigación implicado nesta actuación tratará de optimizar un protocolo de traballo que garanta a detección do virus do PRRS mediante técnicas moleculares a partir de mostras de aire en granxas infectadas. Unha vez perfeccionado este sistema, a segunda etapa da investigación consistiría na monitorización durante seis meses de granxas que teñan un historial de re emerxencia de brotes de PRRS, relata o bolseiro posdoutoral do Campus Terra e investigador da Facultade de Veterinaria da USC Gonzalo López Lorenzo.

Nesta segunda fase da investigación, engade López Lorenzo, os investigadores aplicarán ás mostras de aire tomadas técnicas de secuenciación do xenoma completo do virus PRRS, a fin de avaliar a capacidade de detectar mutacións ou mesmo a aparición de novas cepas víricas, o que permitiría prever e, no seu caso, evitar brotes de enfermidade de xeito precoz.

Impacto sanitario e económico

O virus do Síndrome Reprodutivo e Respiratorio Porcino (PRSS), como o seu propio nome indica, afecta ás vías respiratorias e ao ciclo reprodutivo do gando porcino e, en función da súa maior ou meno virulencia, pode chegar incluso a provocar a morte dos animais, sinala López Lorenzo.

Os signos clínicos e as manifestacións da enfermidade derivada do  PRRS son moi variables e dependen, dunha banda, do grupo de animais afectados (porcos en crecemento ou porcas reproductoras) e, doutra, da virulencia da cepa de PRRS circulante na granxa. En canto aos porcos en crecemento, nas granxas positivas a situación pode ir desde cadros asintomáticos a alteracións respiratorias que implican retrasos no crecemento, diminución no peso e incrementos de mortalidade. En canto ás porcas reproductoras, o cadro clínico que se pode observar é unha diminución da tasa de partos (debido a abortos e pérdidas de xestación), redución do tamaño da camada e incremento da mortalidade nos leitóns lactantes e na etapa inmediatamente posterior ao destete. As cepas máis virulentas do PRRS (no nordeste de España está a circular unha cepa coñecida popularmente como ‘Rosalía’) tamén poden provocar a morte das porcas adultas, precisa López Lorenzo.

Debido á variación de cadros clínicos que pode provocar o PRRS, o custe económico que pode provocar esta infección nunha granxa de porcino tamén é variable. Cando este virus afecta directamente a perdas de animais e de rendemento productivo, o impacto económico negativo estímase entre 60 e 380 € por porca reproductora e ano, segen función da gravidade do cadro clínico, relata López Lorenzo. Este investigador do Campus Terra da USC sinala asemade que a estas perdas económicas cómpre engadir outros gastos indirectos derivados da aplicación de medidas necesarias para o control do virus (vacinas, monitorizacións da infección...), e cuxo custe oscila entre 5 e 110 € por porca reproductora e ano.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.09.2023.