Pasar al contenido principal

USC e Instituto das Mulleres exportan á contorna universitaria estatal ferramentas de transferencia con perspectiva de xénero

O fomento de mulleres á fronte de empresas de base tecnolóxica é un dos piares do convenio. FOTO: Santi Alvite
O fomento de mulleres á fronte de empresas de base tecnolóxica é un dos piares do convenio. FOTO: Santi Alvite
As dúas institucións renovan a súa colaboración a través do Programa Innovatia 8.3 para desenvolver unha metodoloxía que impulse a creación de empresas de base tecnolóxica lideradas por mulleres
Santiago de Compostela

A USC e o Instituto das Mulleres renovan os seus esforzos para integrar a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e de creación de empresas de base tecnolóxica na contorna universitaria a través da metodoloxía de intervención creada polo Programa Innovatia 8.3. Este é o eixo que vertebra o convenio plurianual que acaban de renovar as dúas institucións e que permanecerá vixente ata setembro de 2026.

O acordo ten por obxecto continuar coa execución de Innovatia 8.3 para desenvolver “ferramentas e actuacións que permitan garantir a incorporación da transversalidade de xénero nos procesos de transferencia do coñecemento de todas as universidades e centros tecnolóxicos de innovación, así como avanzar na implantación da súa metodoloxía na totalidade das universidades do territorio nacional, das ferramentas e actividades exclusivas xa deseñadas”. En total, o orzamento do convenio ascende a medio millón de euros.

Innovatia 8.3 é un proxecto que nace no ano 2011 grazas á colaboración entre o Instituto das Mulleres e a Universidade de Santiago de Compostela. Este programa traballa para que os procesos de axuda á creación de empresas de base tecnolóxica realizados dende as universidades, rompan cos nesgos existentes no emprendemento e axuden a visibilizar as mulleres que se puxeron á fronte de iniciativas empresariais, spin-off académicas en sectores altamente competitivos, onde se xera valor social e empresarial. Para iso, o Instituto das Mulleres e a USC elaboraron e desenvolveron modelos de intervención a través de ferramentas novas cuxa titularidade é compartida por ambas as partes e que serve de metodoloxía para actuar agora na totalidade das universidades públicas de España. 

Obxectivos

Así, no marco deste convenio, elaborarse un modelo de plan de empresa con perspectiva de xénero, impulsaranse encontros que baixo diversos formatos sirvan para dar visibilidade e apoiar as emprendedoras universitarias, analizarase a perspectiva de xénero na transferencia de coñecemento de I+D+i en España, daráselle visibilidade e recoñecerase o rol das mulleres no seo dos grupos de investigación e incrementarase progresivamente a participación das mulleres universitarias no emprendemento ofrecendo unha alternativa profesional ao emprego por conta allea. 

De feito, entre os obxectivos do convenio destaca a creación de empresas spin-off ou de base tecnolóxica nas que se integre a perspectiva de xénero en todo o proceso de asesoramento. Fomentar o intercambio comercial de emprendedoras universitarias é outro dos retos desta colaboración xunto coa procura de novas formas de financiamento, así como o impulso á participación en proxectos europeos que redunden no crecemento e visibilidade do programa, e o intercambio de boas prácticas que contribúan á redución das brechas de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento, en particular de base tecnolóxica das universidades.

Transición dixital 

Dende as dúas institucións explican que, dada a rápida transformación e dixitalización da economía e o mercado de traballo, actualmente o 90 % dos postos requiren capacidades dixitais básicas. As mulleres representan o 17 % das persoas que estudan ou traballan no campo das TIC na UE e o 36 % dos graduados en CTIM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), “a pesar de que as mozas teñen mellores resultados que os mozos nas competencias dixitais”.

Ademais, a publicación ‘She Figures’ correspondente a 2021 que ofrece unha serie de indicadores sobre a igualdade de xénero na investigación e a innovación a nivel paneuropeo, recolle nos seus resultados da investigación e a innovación que, tanto a nivel europeo como estatal, entre 2015 e 2019, mulleres e homes publicaron un número similar de publicacións nas primeiras etapas da súa carreira. A medida que os autores adquiren maior antigüidade, as mulleres publican menos que os homes, o que indica unha brecha de xénero cada vez maior a medida que aumenta o nivel de antigüidade. “As mulleres estaban significativamente infrarrepresentadas como inventoras a nivel da Unión Europea”, explican dende as dúas institucións. Durante o período 2015-2018, de cada 100 solicitudes de patentes en poder de homes, as mulleres teñen 12 (10,7 % a nivel da Unión Europea). 

Iniciativa premiada 

Este programa foi seleccionado como unha boa práctica polo Ministerio de Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e representou a España nos premios Europeos á Promoción Empresarial do ano 2022 cuxo obxectivo é recoñecer as políticas locais, rexionais e nacionais de fomento do emprendemento. Innovatia 8.3 foi recoñecido entre os tres mellores proxectos europeos na categoría de Iniciativa empresarial responsable e integradora onde se recoñecen as actuacións para fomentar o emprendemento e a creación de empresas desenvolvidas en Europa que tiveron éxito. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.09.2023.