Pasar al contenido principal

O espazo expositivo da USC na feira da EAIE serve para tecer rede entre as universidades da contorna europea e fomentar sinerxías

Con sede itinerante, a trixésimo terceira edición da EAIE estase a celebrar este ano en Róterdam
Con sede itinerante, a trixésimo terceira edición da EAIE estase a celebrar este ano en Róterdam
A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, encabeza a comitiva compostelá que participa neste foro da Asociación Europea para a Educación Internacional que se desenvolve en Róterdam
Lugo, Santiago de Compostela

A USC participa dende o martes 26 e ata este venres 29 na cita anual da Asociación Europea para a Educación Internacional (EAIE), unha das feiras de educación superior máis relevantes a nivel internacional, coa presenza da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e a adxunta á Vicerreitoría para Internacionalización, Belén Méndez Naya.

Con sede itinerante, a trixésimo terceira edición da EAIE estase a celebrar este ano en Róterdam, nos Países Baixos. A feira da EAIE está dirixida particularmente ao desenvolvemento de ‘networking’ no contexto europeo, con 241 expositores de recoñecido prestixio a nivel mundial. A feira compleméntase co Congreso anual da Asociación Europea para a Educación Internacional, que este ano leva por título ‘Connecting currents’ (correntes de conexión), que ademais das sesións plenaria e de clausura, inclúe seminarios con especialistas en estratexias de internacionalización, dixitalización ou empregabilidade.

A USC, integrada no espazo expositor de Study in Spain do SEPIE, atópase acompañada tamén por UDC e UVigo. Ademais de establecer relacións con novas institucións de educación superior, a USC está a aproveitar o evento para afianzar os lazos con universidades coas que mantén colaboración, nomeadamente coas institucións que conforman o consorcio de universidades europeas EUniWell (Universidade Europea para o Benestar), do que a USC forma parte dende o mes de xaneiro deste ano.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.10.2023.