Pasar al contenido principal

Reflexionan en Xeografía e Historia sobre a construción de paisaxes e nacións e as consecuencias culturais e políticas

Reflexionan en Xeografía e Historia sobre a construción de paisaxes e nacións e as consecuencias culturais e políticas
Reflexionan en Xeografía e Historia sobre a construción de paisaxes e nacións e as consecuencias culturais e políticas

A Facultade de Xeografía e Historia acolle este luns 3 de abril un encontro para reflexionar sobre a relación mutua entre a construción de paisaxes e nacións e as consecuencias culturais e políticas que se poden inferir no mundo global.

O territorio é un elemento clave na análise de nacións e paisaxes, e aínda que as paisaxes son recoñecidas como o resultado de procesos naturais e culturais é imposible pensar nelas sen ter en conta a pegada humana e os seus significados simbólicos. Para as nacións apátridas, argumentan os profesores de Xeografía da USC Rubén Lois e Juan Trillo, organizadores da xornada, “as paisaxes tenden a estar relacionadas co ambientalismo, a reivindicación da súa identidade e a continuidade das áreas rurais”, e pregúntanse “cómo poden defender e protexer a multiplicidade de paisaxes asociadas á súa identidade sen a administración do Estado”.

O encontro inaugurouse na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia nun acto no que participaron a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Francisco Durán, e o presidente do Centre Mauritus Coppieters (CMC), co organizador da xornada, Xabier Macías .

A continuación sucederanse relatorios sobre paisaxes e nacións como produtos culturais e políticos; as paisaxes nacionais posibles na Península Ibérica dende o punto de vista da xeografía (Illas Baleares e Valencia) e da literatura (Galicia e País Vasco); como preservar as paisaxes das nacións sen estado no mundo global actual (cos casos de Galicia e Gales), e a planificación paisaxística dende Galicia e Cataluña. O encontro rematará cunha mesa redonda sobre as consecuencias políticas da defensa das paisaxes nacionais.

Na xornada interveñen especialistas das Universidades de Santiago de Compostela, Girona, Illas Baleares, Valencia, A Coruña, País Vasco e Swansea (Reino Unido), ademais de responsables do Observatorio da Paisaxe de Cataluña e do Instituto de Estudos do Territorio.

‘Paisaxes nacionais no mundo global’ está organizado pola USC e a Fundación Mauritus Coppieters e conta con financiamento do Parlamento Europeo. A participación no encontro é de balde e non precisa inscrición previa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.03.2017.