Pasar al contenido principal

USC e Sergas renovan a súa colaboración para garantir a docencia clínica do grao en Medicina

Imaxe de arquivo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. FOTO: Santi Alvite
A institución compostelá creará dez novas prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde que se suman ás xa ofertadas nas diferentes áreas sanitarias de Galicia
Santiago de Compostela

USC e Servizo Galego de Saúde (Sergas) renovaron o convenio de colaboración que manteñen para promocionar a participación na docencia clínica do grao en Medicina de profesionais das diferentes áreas sanitarias de Galicia. Así, a USC creará dez novas prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde para o sexto curso deste grao que dende o ano académico 2015-2016 conta con docencia clínica impartida nos hospitais universitarios do Sergas.

Deste xeito, súmanse á docencia da titulación unha praza de Anestesioloxía e Reanimación no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, unha de Cirurxía Plástica e outra de Psiquiatría no Complexo Universitario Hospitalario de Vigo, unha de Medicina Interna e outra de Cirurxía Xeral e Dixestiva no Complexo Universitario Hospitalario da Coruña, unha praza de Cirurxía Ortopédica e Traumatolóxica no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, e unha de Radiodiagnóstico e outras de Cardioloxía, Nefroloxía e Reumatoloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Todas elas abranguerán os anos académicos 2023-2024, 2024-2025 e 2025-2026.

O convenio asinárono este martes o reitor Antonio López e o conselleiro de Sanidade e presidente do Sergas, Julio García Comesaña, nun acto que se desenvolveu na Facultade de Medicina e Odontoloxía. No acto tamén estiveron presentes Ernesto Xosé González Seoane, vicerreitor de Profesorado; Julián Álvarez Escudero, decano da Facultade; Estrella López-Pardo Pardo, xerenta do Sergas; e Carmen Balboa Salgado, vicexerenta do Servizo Galego de Saúde.

“A USC ten a única facultade de Medicina de toda Galicia e isto esixe que esteamos totalmente comprometidos na formación dos profesionais sanitarios da nosa comunidade autónoma”, sinalou o reitor. Segundo Antonio López, “hoxe somos a facultade de Medicina que máis alumnos admitimos en primeiro de toda España e iso é froito dese compromiso no que nos sentimos moi arroupados pola Consellaría de Sanidade e polo Sergas”. “Temos que aproveitar todo o potencial do sistema sanitario galego para formar profesionais sanitarios”, dixo en relación á  ampliación a todas as areas sanitarias da presenza de profesorado universitario na docencia clínica, “peza esencial” para unha boa formación.

O conselleiro sinalou, pola súa parte, que o Sergas e a USC teñen como estratexia conxunta potenciar a calidade do ensino teórico e práctico para as disciplinas integradas no eido das Ciencias da Saúde, tanto pola especificidade das mesmas, como pola necesidade de que esta formación se integre nas estruturas e servizos do sistema sanitario público.

USC e Sergas colaboran dende o curso 2015-2016 neste eido xa que “a participación activa dos profesionais sanitarios destes centros na docencia clínica dos estudantes de Medicina supón un estímulo importante para a súa actualización e formación continuada” o que redundará nunha mellora dos procesos formativos e da atención aos cidadáns. A través deste convenio, incorpóranse novas institucións sanitarias nas que se deben impartir ensinanzas universitarias, para os efectos de garantir a docencia práctica de Medicina, Enfermaría e outras ensinanzas que así o esixan.

Ademais, grazas á resolución conxunta entre o Servizo Galego de Saúde e a USC, convocouse un concurso público para a provisión de dúas novas prazas de profesorado contratado doutor vinculadas ás institucións sanitarias. Esta convocatoria presenta a novidade de que, por primeira vez, dende este ano o alumnado de Medicina de Compostela conta cun profesor que imparte clase teórica de medicina de familia, vinculado ao centro de saúde Concepción Arenal. Inclúe tamén unha nova praza de profesor contratado doutor para a área de medicina interna, vinculada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.10.2023.