Un proxecto sobre os medios audiovisuais públicos ante o ecosistema das plataformas, galardoado nos premios Roblón
‘Medios audiovisuais públicos ante o ecosistema das plataformas: modelos de xestión e avaliación do valor público de referencia para España (VALCOMM)’, liderado polos profesores da USC Miguel Túñez e Francisco Campos, acaba de ser recoñecido como o proxecto de investigación do ano no marco dos premios Roblón 2023 que outorga a Revista Latina de Comunicación Social. Estes galardóns buscan resaltar o talento, a perseveranza e a dedicación de investigadores e investigadoras, así como de profesionais comprometidos no eido das Ciencias da Comunicación e as súas disciplinas relacionadas.
VALCOMM céntrase no estudo dos modelos de xestión dos medios públicos e, no seu desenvolvemento, participa un equipo de 35 investigadores/as, de trece universidades españolas, coordinados dende a USC. Concedido polo Ministerio de Ciencia e Universidades, nos seus dezaoito meses de funcionamento, o proxecto xerou numerosas publicacións a través de artigos, participacións en congresos e capítulos de libros, alén de ultimar a publicación de monografías en editoriais internacionais e, en colaboración coa Cátedra Institucional RTVE-USC. Tamén no marco deste proxecto desenvolveuse a International Doctoral Summer School ‘The values of the commons in the digital society’.
Os Premios Roblón 2023 buscan fomentar e promover a excelencia tanto no ámbito académico como profesional da comunicación. Este compromiso coa excelencia non só recoñece a individuos destacados, senón que tamén busca fortalecer o campo da comunicación no seu conxunto, xerando un impacto positivo na sociedade mediante o impulso da investigación, a educación e as prácticas innovadoras nesta área.