Pasar al contenido principal

Jesús F. Salgado Velo recolleu a Medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC

Antonio López, Jesús Salgado e Juan Lema. FOTO: Santi Alvite
Antonio López, Jesús Salgado e Juan Lema. FOTO: Santi Alvite
O acto rendeu tributo á figura do economista Manuel Colmeiro y Penido como ‘Científico Galego do ano 2023’
Santiago de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñeceu este mércores 4  o catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC Jesús F. Salgado Velo coa Medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais. As Medallas de Investigación da RAGC, un total de cinco recoñecementos noutras tantas áreas, alcanzaron a súa quinta edición á hora de valorar traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvolvidas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. A entrega das medallas desenvolveuse no Colexio de Fonseca nun acto presidido polo reitor Antonio López e no que se rendeu tributo á figura do economista Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) como ‘Científico Galego do ano 2023.

Xunto a Jesús Salgado, foron recoñecidos tamén David Posada González, coa Medalla Ángeles Alvariño en Bioloxía e Ciencias da Saúde; Fernando Obelleiro no campo das Ciencias Técnicas; Ricardo Cao, medalla de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; e Aurora Grandal, na sección de Química e Xeoloxía.

No evento participaron o presidente da Academia, Juan Lema; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez; Francisco Díaz-Fierros, membro da Real Academia Galega; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, educativas, culturais e de investigación galegas.

Jesús Salgado

“Este é un premio para toda a investigación que se fai en Galicia no eido da Psicoloxía do Traballo e dos Recursos Humanos, un recoñecemento a este disciplina, á Universidade de Santiago por apoiarnos no desenvolvemento dos nosos programas de investigación e a todo un equipo consolidado ao longo de 30 anos” sinalou o docente da área de Psicoloxía Organizacional e Xurídico-Forense.

O tema central das investigacións de Jesús Salgado nos últimos 25 anos é a análise da validez dos instrumentos de selección de recursos humanos en Europa para predicir o desempeño ocupacional, centrándose na predición e a explicación dos comportamentos laborais. A nivel aplicado, destacan as súas investigacións sobre as entrevistas de selección de persoal. Os seus traballos publicáronse nas revistas internacionais máis prestixiosas desta especialidade, situándose no posto 34 dos autores máis citados da súa disciplina no mundo. As súas contribucións foron recoñecidas con dous nomeamentos Fellow, máximas distincións da Asociación Americana de Psicoloxía e da Asociación Internacional de Psicoloxía Aplicada, as dúas organizacións máis relevantes no ámbito da Psicoloxía.

A entrega das medallas desenvolveuse no Colexio de Fonseca nun acto presidido polo reitor Antonio López e no que se rendeu tributo á figura do economista Manuel Colmeiro y Penido. FOTO: Santi Alvite
A entrega das medallas desenvolveuse no Colexio de Fonseca nun acto presidido polo reitor Antonio López e no que se rendeu tributo á figura do economista Manuel Colmeiro y Penido. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.10.2023.