Pasar al contenido principal

Celebración da terceira edición do Día do Cinema Español na Facultade de Xeografía e Historia

Cartaz do filme Embrujo
Cartaz do filme Embrujo
O evento, que consistirá na proxeción da copia restaurada do filme Embrujo, está organizado pola Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia e a propia facultade, contando coa colaboración do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e Filmoteca Española.
Santiago de Compostela

A Facultade de Xeografía e Historia celebrará o vindeiro martes 10 de outubro a terceira edición do Día do Cinema Español coa proxeción da copia restaurada pola Filmoteca Española do filme Embrujo, dirixida por Carlos Serrano de Osma. Este evento está organizado  pola Biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia e a  propia facultade, contando coa colaboración do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e Filmoteca Española.

A presentación deste filme, protagonizado por Lola Flores e Manolo Caracol, correrá a cargo de Xosé Nogueira, profesor titular de Historia do Cinema e Outras Artes Audiovisuais da USC.

A terceira edición do Día do Cine Español está dedicada a Lola Flores polo centenario do seu nacemento e a todas as persoas que traballando detrás das cámaras fan posible que poidamos desfrutar do cinema. Embrujo é unha das películas máis peculiares da historia do cinema español, pois combina a narrativa tradicional coa vangarda poética e a experimentación.

O Día do Cinema Español celébrase o 6 de outubro ao ter rematado nesta data  a produción de Esa pareja feliz, película dirixida e guionizada por Juan Antonio Bardem e Luis García-Berlanga e protagonizada por Fernando Fernán Gómez e Elvira Quintillá. Co paso do tempo, esta película convertiuse no símbolo dunha das máis brillantes xeracións de cineastas do noso país.

A actividade dará comezo ás 19 horas na aula 10 da Facultade de Xeografía e Historia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.10.2023.