Pasar al contenido principal

A USC apuntálase como a universidade con máis alumnado voluntario de España

A comunidade universitaria é cada vez máis consciente do seu importante papel á hora de educar aos mozos na faceta solidaria, sinala o informe. FOTO: Santi Alvite
A comunidade universitaria é cada vez máis consciente do seu importante papel á hora de educar aos mozos na faceta solidaria, sinala o informe. FOTO: Santi Alvite
O Estudo sobre Voluntariado Universitario, elaborado pola Fundación Mutua Madrileña, evidencia que a institución compostelá contabilizou a participación de 2.677 estudantes neste tipo de actividades o pasado curso
Lugo, Santiago de Compostela

A USC afiánzase como o centro universitario que conta con máis alumnos involucrados en tarefas de voluntariado. En concreto, durante o curso 2022-23 esta institución contabilizou a participación de 2.677 estudantes, dos cales, a maioría cursa os seus estudos na rama de Ciencias Sociais e Xurídicas. Séguenlle, por número de alumnos, as Universidades de Granada (2.535) e de Xirona (2.301).

Este dinamismo do alumnado é unha consecuencia directa do impulso da propia Universidade en materia de voluntariado. A USC postúlase como a terceira universidade máis activa de España en participación en proxectos solidarios, por detrás da Universidade de Murcia e Xirona, con 430 e 326 accións, respectivamente.

Así, durante o curso pasado promoveu 285 accións de voluntariado, o 95% das cales se realizaron en colaboración con entidades sen ánimo de lucro e executáronse, na súa totalidade, no ámbito galego. As iniciativas relacionadas cos menores e os colectivos en risco de exclusión social son as máis secundadas polo alumnado e a duración media prolóngase entre os tres e os seis meses.

Estas son algunhas das conclusións que se extraen do décimo primeiro Estudo sobre Voluntariado Universitario, elaborado pola Fundación Mutua Madrileña, con motivo do lanzamento dos Premios ao Voluntariado Universitario. O informe, no que participaron 41 centros universitarios (o 44% do total) e 75 entidades sen ánimo de lucro, revela a actividade das universidades e o seu alumnado en materia de voluntariado.

No conxunto de España, os datos reflicten que o voluntariado universitario continúa imparable. Tras o descenso que se experimentou por mor da pandemia e da interrupción da actividade presencial, a vocación solidaria suma adeptos entre os universitarios por segundo ano consecutivo. Ao longo do curso 2022/23, un total de 19.460 estudantes participaron en accións de voluntariado a través da súa universidade, o que supón un 13% máis que o ano anterior.

O estudo deixa outros datos como que seis de cada dez universidades españolas colaboraron en máis iniciativas de voluntariado que o ano anterior ata alcanzar os 2.112 proxectos. Deles, un 32% corresponde a iniciativas novas que foron emprendidas durante ese curso, o que pon de manifesto a motivación das institucións universitarias por innovar e atender as necesidades sociais que van xurdindo ao seu redor. Gran parte deses proxectos, o 63% desenvólvense en colaboración cunha entidade sen ánimo de lucro e realízanse grazas á contribución dos alumnos/as.

“As ONG atoparon na universidade un socio estratéxico co que colaborar e nutrirse dunha rede de voluntarios comprometidos coa mellora da sociedade”, manifesta Lorenzo Cooklin, director xeral da Fundación Mutua Madrileña. Proba diso é que dúas de cada dez entidades enquisadas revelan que a metade dos seus voluntarios cursan actualmente estudos superiores, “o que converte a este colectivo nun puntal necesario para o voluntariado”, afirma Cooklin.

Radiografía do voluntario universitario

O informe tamén debuxa o perfil dos mozos e mozas que fan voluntariado durante a súa etapa universitaria. Oito de cada dez alumnos son mulleres, cursan os seus estudos na rama de Ciencias Sociais e Xurídicas, e dedican unha media de entre 2 e 4 horas á semana a actividades altruístas destinadas, fundamentalmente, a menores en situación de vulnerabilidade e a colectivos en risco de exclusión social. Nove de cada dez proxectos de voluntariado nos que participan os alumnos realízanse en España e prolónganse, de media, entre os tres e os seis meses.

Maior implicación, pero con menor financiamento

A comunidade universitaria é cada vez máis consciente do seu importante papel á hora de educar aos mozos na faceta solidaria. Por iso, seis de cada dez centros enquisados dispoñen dun departamento específico destinado a coordinar os seus programas de acción social e a fomentar o voluntariado; e tres de cada dez integra este labor dentro doutros departamentos.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.10.2023.