Pasar al contenido principal

A economía circular centrará a Feira de Emprendedoras de Compostela e un foro para fomentar o diálogo entre empresas e comunidade universitaria

Detalle do cartel da feira
Detalle do cartel da feira
A través do Concurso Retos WAS Circulamos-USC, o alumnado poderá achegar a súa visión e aplicar os seus coñecementos a retos reais de diferentes entidades
Santiago de Compostela

USC, Concello de Santiago e o Grupo de Traballo de Economía Circular WAS (Woman Action Sustainability) poñen en marcha os días 25 e 26 de outubro, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o Encontro Universidade-Empresa sobre Economía Circular co obxectivo de fomentar o diálogo entre empresas e entidades con estudantado e persoal investigador especialista nesta materia. Ademais, a través do Concurso Retos WAS Circulamos-USC, o alumnado poderá achegar a súa visión e aplicar os seus coñecementos a retos reais de diferentes empresas e entidades.

En concreto, nove empresas e entidades expuxeron outros tantos retos relacionados coa súa actividade e vinculados á Economía Circular para que o estudantado poida achegar a súa particular ollada. Os equipos poden formarse de forma individual e colectiva e non é necesario pertencer á mesma facultade xa que son temas que poden tratarse de forma transversal. A inscrición permanece aberta ata o día 23 de outubro e entregaranse dous premios económicos para os/as gañadores/as de 700 euros para o primeiro premio e 300 para o segundo. A presentación realizarase o dia 26 de outubro ás 10.00 horas no Salón de Graos da Facultade e cada exposición terá unha duración de cinco minutos.

Feira

Finalmente, o venres 27 de outubro desenvolverase un ano máis a Feira de Emprendedoras de Compostela no Centro Sociocultural O Ensanche. Este foro servirá dende as 10.00 horas para amosar produtos baseados nun modelo de Economía Circular e contará en quenda de tarde con obradoiros gratuítos de creación de servizos e produtos de deseño dentro dun modelo de Economía Circular. A Feira será inaugurada polo reitor Antonio López e pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

O Concello de Santiago e a Universidade colaboran e impulsan unha nova edición deste espazo expositivo no marco dos principios da Axenda Urbana 2030, centrado “no debate sobre un modelo económico pensado por e para as persoas”, explica a responsable de Woman Emprende, Eva López Barrio. A feira poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube de Woman Emprende.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2023.