Unha investigación da USC desenvolve novos métodos de análise para a detección e cuantificación de toxinas mariñas paralizantes
A investigación realizada no Campus Terra da USC pola enxeñeira técnica Industrial e tecnóloga de alimentos Verónica Rey López propón novos métodos de análise que melloran a precisión dos procesos de medición e avaliación da presenza das toxinas mariñas pertencentes ao grupo das chamadas toxinas paralizantes (PSP) en moluscos bivalvos, uns avances útiles tanto para reducir os riscos saudables derivados da súa inxestión como para mitigar ou evitar a posible casuística de mortalidade.
As achegas resultantes das pescudas realizadas por Verónica Rey López están recollidas na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC baixo o título ‘Mellora e innovación nos procedementos de detección e cuantificación dos métodos de análises de toxinas PSP’.
A investigación de doutoramento realizada por Rey López baixo a dirección dos profesores do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC Ana María Botana López e Álvaro Antelo Queipo, céntrase na proposición de novos métodos de análise para as toxinas mariñas pertencentes ao grupo das toxinas paralizantes (PSP) que están presentes habitualmente nos episodios de mareas roxas.
As novas metodoloxías desenvolvidas por esta investigadora na súa tese de doutoramento, na que tamén fai outras propostas de mellora para os métodos xa existentes, constitúen un importante avance, xa que na actualidade é preciso contar con métodos analíticos que permitan resolver os problemas tanto de detección fiable como de cuantificación acertada dos niveis de toxinas presentes nos moluscos bivalvos, durante estos episodios tóxicos.
A precisión á hora de detectar e cuantificar a presenza deste tipo de toxinas PSP constitúe un factor crítico á hora de monitorizar os niveis de toxinas, dado o risco que supoñen para o consumidor tanto desde el punto de vista das posibles intoxicacións como por mor da posible casuística de mortandade rexistrada por non realizar un monitoreo acertado.
Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Verónica Rey López estivo presidido por Fernando Cobo Gradín, profesor do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC. Santiago Aubourg Martínez, profesor de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, e Carmen Alfonso Méndez, responsable da área de Calidade de Laboratorios CIFGA S.A. completaron a composición do tribunal, que acordou outorgar a máxima cualificación académica á investigación de doutoramento presentada por Rey López.