Pasar al contenido principal

Juan Jesús Gestal Otero recibe este venres a Insignia de Ouro da USC

O reitor Juan M. Viaño Rey imporalle este venres 1 de decembro a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela ao catedrático de Medicina Preventiva e profesor emérito Juan Jesús Gestal Otero.

A cerimonia, na que tamén intervirá o director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina, Agustín Montes Martínez, terá lugar ás 13.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

Juan Gestal, que foi decano da Facultade de Medicina durante oito anos e ata a súa xubilación e xefe do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, é ademais académico numerario das Reais Academias de Medicina e Cirurxía e de Farmacia de Galicia, así como correspondente das Academias Nacional de Medicina de Bos Aires e de Medicina de Paraguai. É tamén doutor honoris causa pola Universidade Nacional San Luis Gonzaga de Ica (Perú).

Dedicou grande atención e esforzos á saúde laboral, en especial á hospitalaria, sendo o seu libro Riesgos del trabajo del personal sanitario obra de referencia consultada por todos os/as profesionais deste eido. Dirixiu e participou en 32 proxectos de investigación competitivos e ten publicados preto dun cento de artigos en revistas indexadas, ademais de ser autor de 25 libros e de 48 capítulos noutros volumes.

Coordinou o programa de doutoramento de Saúde Pública da USC dende a súa posta en marcha a comezos dos anos 80 e as sucesivas adaptacións ata o actual programa en Epidemioloxía e Saúde Pública. Tamén coordinou o Grupo 14, grupo de investigación de Santiago do CIBER de Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP) dende 2007, e o grupo de Epidemioloxía, Saúde Pública e Servizos de Saúde da USC e da área Plataformas e Epidemioloxía do IDIS.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.11.2017.