Pasar al contenido principal

A USC profunda na conciliación da vida académica e deportiva e no apoio aos Deportistas de Alto Nivel

O reitor durante a súa intervención na xornada. FOTO: Santi Alvite
O reitor durante a súa intervención na xornada. FOTO: Santi Alvite
Unha xornada reuniu integrantes da comunidade universitaria e do tecido deportivo da contorna para explorar os retos de futuro da práctica físico-deportiva no contexto universitario
Santiago de Compostela

A xornada 'Conciliar estudos e deporte na USC: presente e futuro a debate' abordou este venres 20, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a práctica físico-deportiva no contexto universitario, o papel da USC na conciliación da vida académica e deportiva ou o programa de apoio á carreira dual (estudos e deporte) do alumnado vinculado ao deporte de alto nivel. O foro enmárcase na estratexia que a USC vén desenvolvendo dende hai xa máis dun ano en materia deportiva e que permitiu intensificar a súa relación coas distintas entidades deportivas galegas co dobre obxectivo de tecer redes, cando non fortalecer as xa existentes, coa contorna. 

Deste xeito, a institución universitaria potencia o deporte como elemento transversal na formación do alumnado e aspira a “fomentar hábitos de vida saudables entre o estudantado e a comunidade universitaria no seu conxunto, mediante a habilitación de mecanismos e recursos que posibiliten desenvolver e compatibilizar a traxectoria deportiva e a académica”, explicou Javier Rico, delegado do reitor para o Deporte. Na sesión tamén participou o reitor Antonio López e a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro. 

A xornada, organizada pola Área Deportiva, o Centro de Formación de Persoal e a Cátedra Institucional Vida Saudable, reuniu alumnado e PDI da USC, PAS da Área Deportiva, deportistas, profesionais do eido directivo, técnico e de adestramento, xuízas e xuíces,  especialistas en arbitraxe, titorías académicas de deportistas de alto nivel da USC, equipos decanais e de dirección dos centros, federacións deportivas galegas e clubs deportivos. 

O foro permitiu profundar nas necesidades dos membros da comunidade universitaria que practica ou ten interese en practicar actividade físico-deportiva para que esta sexa compatible coa vida académica, facendo especial fincapé nos/as Deportistas de Alto Nivel (DAN-USC). Ademais, a xornada permitiu informar a comunidade universitaria sobre as actuacións da USC para o fomento da actividade físico-deportiva (oferta de servizos, programa de titores/as para DAN-USC, eventos ou formación, entre outros aspectos) e promover sinerxías entre a comunidade universitaria e o tecido deportivo. Dar pulo a accións que fomenten o intercambio de experiencias e coñecemento entre os diferentes axentes implicados na formación académica/deportiva foi outro dos retos formulados no marco da xornada. 
 

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.10.2023.