Pasar al contenido principal

Campus Terra, unha fonte de solucións innovadoras para o sector agroalimentario

Manuel Vázquez, na apertura da xornada sobre tecnoloxía alimentaria no edificio Cactus
Manuel Vázquez, na apertura da xornada sobre tecnoloxía alimentaria no edificio Cactus
Investigadores integrados no grupo Análise Sensorial, Valoración Nutricional e Desenvolvemento de Novos Alimentos (Labtecali) da USC, que acaba de ser recoñecido como de referencia competitiva pola Xunta de Galicia, achegan a empresas e produtores do sector agroalimentario alternativas de I+D+i apropiadas para mellorar a rendibilidade e optimizar o éxito da súa actividade
Lugo

O grupo de investigación Análise sensorial, valoración nutricional e desenvolvemento de novos alimentos (Labtecali) do Campus Terra da USC, un equipo que acaba de ser recoñecido como grupo de referencia competitiva por parte da Xunta de Galicia, constata o potencial da Área de Tecnoloxía dos Alimentos da USC para achegar desde o laboratorio alternativas e solucións innovadoras ao sector agroalimentario, tal e como indicou a investigadora Patricia Cazón na apertura da xornada ‘Desde o laboratorio ao sector agroalimentario de Lugo’, un foro divulgativo que conta con apoio económico da Deputación Provincial de Lugo, que permitiu dar conta á sociedade das múltiples aplicacións e vías de transferencia do labor que se desenvolve no laboratorio á actividade produtiva.

Cazón salientou a diversidade temática das liñas de investigación que se desenvolven desde a Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC, que abrangue unidades de análise sensorial, de desenvolvemento de novos alimentos e produtos alimentarios, e de comercialización e investigación de mercados, ademais de ofrecer un amplo abano de servizos que van desde a aplicación de técnicas estatísticas e analíticas, simulación de procesos, tratamentos de residuos agroalimentarios ou obtención de aditivos e tecnoloxías de produtos pesqueiros, entre outras prestacións do campo da biotecnoloxía.

O catálogo de servizos de I+D+i que se ofrecen desde á Área de Tecnoloxía de Alimentos do Campus Terra da USC é amplo e pode resultar de interese tanto para produtores, como para pequenas e medianas empresas como para os propios consellos reguladores, comentou Patricia Cazón, quen, xa na súa intervención como relatora afondou respecto das posibilidades de transformación dun residuo alimentario en envase activo biodegradable para alimentos. Antes da súa charla, a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC Ángeles Romero Rodríguez fixo unha exposición sobre o poder dos sentidos no control da calidade dos alimentos.

A investigadora ‘Ramón y Cajal’ no Campus Terra da USC Patricia López Sánchez ofreceu neste foro o relatorio ‘Os tubérculos como ingredientes en produtos alimentarios’, ao que seguiu a charla ‘A autenticación de alimentos na cadea alimentaria: caso de éxito en ovos’, a cargo da doutora Gema Puertas, quen tamén apuntou a posibilidade de adaptar estas técnicas a meles e outros produtos.

A investigadora predoutoral María Flórez falou sobre a extracción de potentes axentes antioxidantes de produtos con baixo interese comercial, tal e como poder ser a ortiga, mentres que o catedrático da área de Tecnoloxía de Alimentos na USC Manuel Vázquez Vázquez pechou a quenda de intervencións cun relatorio sobre un novo procedemento para a obtención dun aditivo alimentario que contén transglutaminasa microbiana a partir de residuos da industria agroalimentaria.

Participantes nas xornadas
Participantes nas xornadas
Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.10.2023.