Á promoción e defensa do idioma na Universidade
Con este premio quérese distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da USC (alumnado, persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador), que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC por algunha ou varias das seguintes razóns:
- O emprego habitual da lingua nas actividades cotiás da universidade, especialmente cando este uso se producira de xeito pioneiro.
- A achega, por parte da persoa ou colectivo premiado, á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades da USC.
- O estudo e a difusión da lingua galega.
- Calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC que sexa valorada como significativa.
O premio ten carácter de distinción pública. Consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico que se lle entregará á persoa, entidade ou colectivo premiado nun acto protocolario, sen que leve aparellado ben económico ningún.
Os premios entregaranse nun acto público de máximo nivel que se desenvolverá na USC no mes de setembro de 2024, coincidindo co aniversario da lección do profesor Porteiro Garea.
O prazo para presentar as propostas remata o 30 de abril de 2024. As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo.