Pasar al contenido principal

A USC traballa a prol do desenvolvemento do turismo sostible en Angola e Cabo Verde cun programa Erasmus

Participantes na sesión inaugural do programa erasmus SUST-Turismo, en Cabo Verde
Participantes na sesión inaugural do programa erasmus SUST-Turismo, en Cabo Verde
Os docentes da USC na Facultade de ADE Ángeles López Cabarcos e Juan Piñeiro participan xunto con representantes Instituto Politécnico de Viana do Castelo no proxecto SUST-Turismo, que formará a docentes e estudantes de ensino superior en Angola e Cabo Verde en materia de turismo responsable e sustentable
Lugo

A USC impulsa o desenvolvemento do turismo responsable e sustentable en Angola e Cabo Verde, a través do proxecto SUST-Turismo, unha iniciativa promovida ao abeiro do programa Erasmus-EDU-2022-CBHE e no que tamén participan outras institucións europeas, tales como o Instituto Politécnico de Viana do Castelo ou ESCP Business School, ademais da Universidade Niamibe e os institutos superiores politécnicos Lusíada de Benguela e Lusíada Huambo, tamén de Angola, e o Instituto Superior de Ciencias Económicas e Empresariais e a Universidade Jean Piaget de Cabo Verde, o escenario no que acaba de botar a andar este programa.

O obxectivo deste proxecto internacional pasa por fortalecer as relacións entre as universidades e centros de formación superior de Angola e Cabo Verde cos tecidos sociais e económicos destes dous países, a fin de favorecer a implantación de prácticas turísticas responsables e sostibles. A implicación neste programa dos profesores da USC na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, Ángeles López Cabarcos e Juan Piñeiro, será a de coordinador o proceso e os programas de formación no que tomarán parte uns 16 instrutores locais, que serán os que, nunha fase posterior, trasladarán ao estudantado dos seus respectivos centros de ensino os coñecementos adquiridos.

A progresiva transformación da realidade socioeconómica no plano turístico en Angola e Cabo Verde a partir da progresiva implantación de novas propostas responsables e sostibles centra o obxectivo do programa erasmus Sust-Turismo, tal e como se deixou constancia en Cabo Verde, no marco dunha sesión de inaugural do programa, na que, entre outros cometidos, se definiron cuestións relativas á organización de actividades, aprobación de manuais, guías didácticas, procedementos administrativos e tamén respecto da propia calendarización de eventos e actividades.

A profesora Ángeles López Cabarcos sinalou neste senso que o programa de formación de formadores nos dous países africanos comezará nuns meses e desenvolverase a través de sesións virtuais. Unha vez completada esta fase, os novos instrutores e instrutoras trasladarán ao alumnado dos seus respectivos centros de ensino superior os coñecementos adquiridos, ao tempo que lles encomedarán o desenvolvemento de proxectos e iniciativas relacionadas cunha actividade turística responsable e sostible.

As achegas presentadas polo alumnado serán obxecto de avaliación por parte un panel de docentes especializadas nesta área, ao tempo que os autores das mellores propostas terán a oportunidade e compartir os seus proxectos nunha sesión final que se desenvolverá en Angola e na que tamén estarán representadas as institucións educativas implicadas neste programa internacional que pretende a transferencia de coñecemento desde Europa a dous países do continente africano.

O progama SUST-Turismo ten unha duración de dous anos e rematará na primavera de 2025 en Angola, ata onde se desprazarán todos os socios promotores para participar na sesión de clausura e de valoración dos resultados. Asemade, ao longo do ano 2024 tamén está previsto que unha delegación de formadores procedentes de Angola e Cabo Verde completen cadansúa estadía en Viana do Castelo e Santiago de Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.10.2023.