Pasar al contenido principal

O Outono BioFest divulgará a actividade da Facultade de Bioloxía do 23 ao 27 de outubro

Facultade de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite
A programación abrangue exhibicións nos corredores do centro, visitas a laboratorios, charlas ou mesas redondas
Santiago de Compostela

A Facultade de Bioloxía organiza do 23 ao 27 de outubro o Outono BioFest, unha iniciativa integrada por un amplo e diverso programa de divulgación co que dar a coñecer a actividade do centro entre o seu estudantado. Deste xeito, haberá sesións de portas abertas para que o alumnado visite os laboratorios e o acuario, os grupos de investigación realizarán exhibicións nos corredores do centro e desenvolveranse mesas redondas para afondar en cuestións como o Museo de Historia Natural ou as estacións biolóxicas da USC. “O que pretendemos é revitalizar a actividade do centro abríndoa ao estudantado”, explica o decano Jesús López Romalde, quen tamén lembra que a actividade contará con visitas de alumnado preuniversitario. 

Charlas impartidas polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia ou pola asociación de estudantes ‘Bota e Bata’ completan o programa xunto a sesións nas que se abordará a carreira investigadora. Ademais, no marco do programa tamén se desenvolverá o ‘Coloquio con Novas Investigadoras’, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Bioloxía e abordaranse proxectos de aprendizaxe-servizo como ‘Plantando cara ao lume’ que ofrece ao estudantado a posibilidade de participar de xeito activo na loita contra os incendios forestais con proxectos de prevención, restauración e sensibilización en zonas afectadas. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.10.2023.