O Oral Sciences Research Group álzase con dous premios polas súas achegas no uso do microbioma oral para diagnosticar a enfermidade periodontal
O traballo titulado ‘O microbioma salival como ferramenta diagnóstica da periodontite’, asinado polas investigadoras da USC Alba Regueira Iglesias, Triana Blanco Pintos, Carlos Balsa Castro, Manuela Alonso Sampedro, Mercedes González Peteiro e Inmaculada Tomás, acaba de gañar o Premio Gaceta Dental ao mellor artigo científico na vixésimo sexta edición dos premios que outorga esta publicación dixital especializada en saúde bucodental. O recoñecemento a este traballo súmase ao que xa recibiu Alba Regueira ao obter o segundo Premio ICARUS da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC na categoría de teses doutorais en Ciencias da Saúde, polo seu proxecto sobre o uso do microbioma da placa dental para o diagnóstico da periodontite.
As dúas investigacións galardoadas forman parte dunha liña de investigación desenvolvida desde hai máis de doce anos polo grupo Oral Sciences Research Group (OSRG), pertencente á USC e ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que baixo a coordinación da catedrática Inmaculada Tomás céntrase no descubrimento de biomarcadores diagnósticos asociados ás enfermidades orais. Actualmente, os achados desta liña de traballo constatan “a excelente capacidade diagnóstica do microbioma oral para distinguir os pacientes que padecen periodontite dos que están sans periodontalmente sen necesidade previa de realizar ningunha exploración clínica, o que supón un paso firme cara ao avance da metaxenómica clínica na odontoloxía de precisión”, explica a profesora Tomás.
Dende 1989, Gaceta Dental é a revista de divulgación líder no sector odontolóxico estatal polo seu alto contido científico-clínico e de actualidade, e os seus premios son considerados unha auténtica institución no ámbito dental. Así, a última edición destes galardóns congregou preto de 300 persoas nun encontro no Teatro Goya de Madrid que contou coa presenza de autoridades como Óscar Castro Reino, presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Odontólogos e Estomatólogos de España; entre outras personalidades de colexios profesionais, sociedades científicas e universidades.
Liñas de investigación
O ‘Oral Sciences Research Group’ céntrase no entendemento e diagnóstico das enfermidades orais humanas mediante a aplicación e desenvolvemento de técnicas bioinformáticas en tecnoloxías ómicas; así como no diagnóstico odontolóxico sobre imaxes da cavidade oral mediante a aplicación e desenvolvemento de técnicas de intelixencia artificial.
“Respecto á primeira liña de investigación, fomos o primeiro grupo no noso país que realizou a caracterización bioinformática do microbioma oral asociado á periodontite e á saúde periodontal”, matiza a profesora Tomás. Respecto á segunda liña de investigación, coa finalidade de proporcionar o diagnóstico automatizado da idade cronolóxica e o sexo sobre imaxes radiolóxicas, desenvolveron Dentius Age, un software baseado en redes neuronais profundas de elevada precisión que pode traballar coa imaxe completa, seleccionando exclusivamente a mandíbula ou exclusivamente os dentes mandibulares. Co propósito de cuantificar de forma automatizada os niveis de placa dental, desenvolveron diversos softwares, establecéndose o primeiro protocolo automatizado de análise da placa, tanto a nivel macroscópico como microscópico, que permite avaliar in situ os patróns de evolución en distintas condicións clínicas, así como a eficacia de diferentes medidas de hixiene oral.