Pasar al contenido principal

O profesor Alfonso Castiñeiras ingresou na Academia de Farmacia de Galicia

Imaxe de arquivo de Alfonso Castiñeiras
Imaxe de arquivo de Alfonso Castiñeiras

O catedrático da Área de Química Inorgánica e profesor ad honorem Alfonso Castiñeiras Campos formalizou este xoves 29 o seu ingreso como académico correspondente da Academia de Farmacia de Galicia. A sesión celebrarase no Antigo Hospital de San Rome coa lectura do discurso titulado ‘Os compostos inorgánicos en Farmacia e Medicina’. A presentación correu a cargo do académico de número José Miñones Trillo.

A lección de ingreso comezou cunha reflexión sobre a percepción social da química, “pese aos seus numerosos aspectos positivos, en xeral prevalecen os aspectos negativos de modo que pode dicirse que a química non é unha ciencia popular”, dixo o académico. A súa intervención foi un intento por rebater o que el mesmo definiu como “quimiofobia”, e máis concretamente no eido da saúde. Neste senso lembrou que “a súa aplicación no desenvolvemento da farmacoloxía deu lugar á progresiva aparición de medicamentos, antibióticos e vacinas que contribuíron a asegurar os niveis de saúde conseguindo diminuír drasticamente os índices e mortalidade”.

Se ben recoñeceu que das súas ramas da química é popularmente coñecida a achega da orgánica á medicina, “son menos coñecidas as achegas da química inorgánica nese campo, pese a ser numerosas e moi importantes, sobre todo as xurdidas nos últimos cen anos”. O profesor Castiñeiras trazou a partir deste argumento unha revisión das contribucións que dende o seu campo de estudo se teñen feito á avance da medicina, explicando que estas se basearon na utilización de fármacos de certos metais, minerais e, sobre todo de arxila.

Alfonso Castiñeiras
O profesor Alfonso Castiñeiras Campos impartiu docencia de 27 materias nas facultades de Ciencias, Química, Farmacia, Bioloxía e na Escola Técnica Superior de Enseñaría da USC e da Universidade Autónoma de Madrid. En 1980 creou o seu propio grupo de investigación en ‘Química molecular e estrutural’ do que aínda é coordinador. Como investigador dirixiu 13 teses de doutoramento e 45 proxectos de fin de carreira e traballos fin de grao, ademais de figurar como investigador principal en 31 proxectos estatais e autonómicos en convocatorias de concorrencia competitiva e en contratos de investigación con empresas. É autor de 471 publicacións indexadas na ISI Web of Knowledge e obxecto de 9.000 citacións.

O profesor Castiñeiras, doutor honoris causa da Universidade de Granada, figura co número 125 da relación dos 568 investigadores incluídos con máis de 500 entradas no Cambrigde Structural Database e co número 7 na relación dos investigadores galegos na área de Química, e co número 1 na especialidade de Química Inorgánica. Está considerado un pioneiro en España na investigación de recoñecemento molecular e autoensamblaxe con carboxilatos e tiolatos metálicos na área de enxeñaría cristalina.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.06.2017.