Pasar al contenido principal

Discurso do reitor

Discurso de benvida ao novo doutor Honoris Causa, Klaus von Gadow, pronunciado polo Excmo. Sr. Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, o profesor Dr. Antonio López Díaz

Momento do discurso do reitor
Momento do discurso do reitor

O 28 de xuño é un día grande para Galicia, pois nese mesmo día de 1936 foi referendado en plebiscito o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, que, aínda que entrou nas Cortes, nunca puido chegar a ser aprobado por mor do levantamento que tivo lugar 21 días despois. Foi tamén un 28 de xuño, neste caso de 1984, cando os restos de Castelao foron retornados ao panteón de galegos ilustres en Bonaval para ficar xa por sempre en Galiza.

Este 28 de xuño é tamén un día grande para a Universidade de Santiago de Compostela e, moi grande diría eu, para o Campus de Lugo. A Universidade amplía a súa nómina de doutores honoris causa  coa incorporación do profesor Klaus von Gadow e iso honramos especialmente ao tempo que nos enche de gozo.

A nosa Universidade vístese de gala para recibir como se merece ao profesor von Gadow aquí en Lugo na Escola Politécnica Superior de Enxeñería. Por iso dicía que é un día moi grande para Lugo, para o Campus e para a Escola porque é a primeira vez que unha cerimonia desta natureza se celebra aquí. Pero é que non podía ser de ningunha outra forma: xorde dunha proposta do Departamento de Enxeñaría Agroforestal e foi informado favorablemente pola Escola Politécnica Superior antes de ser acordado o nomeamento no Consello de Goberno do 31 de xaneiro de 2018, ratificado polo Claustro da Universidade o 16 de febreiro, sendo Reitor o Prof. Viaño, que hoxe nos honra coa súa presenza. Se a iso lle engadimos que o seu padriño, o profesor Juan Gabriel Álvarez, é tamén profesor aquí en Lugo, todos os camiños levaban a este destino.

Pero hai algo moito máis importante que todo isto como é o vinculo persoal e académico do profesor Klaus von Gadow con esta Escola Politécnica Superior de Enxeñería e co seu persoal docente. Xa pasaron 22 anos dende que nos visitara por primeira vez en 1997, para pasar aquí 6 meses da súa licenza de sabático. A partir dese primeiro contacto repetíronse tanto as visitas a Lugo como as estancias de profesorado desta escola en Gottingen, abríndose así unha colaboración académica dun valor incalculable e que agora queremos recoñecer (Rodríguez Soalleiro, Dieguez Aranda, Rojo Alboreca, Barrio Anta, Castedo Dorado, Gorgosa Varela, Crecente Campi, González Ferreiro, ademais do padriño Alvarez González, foron algúns dos que se beneficiaron desta relación de proveito a nivel académico e persoal).

O profesor von Gadow, como brillantemente acaba de salientar o seu padriño na laudatio,  é un especialista mundial no estudo das fragas, como reflectiu de xeito moi poético e en perfecto castelán ao asinar no noso libro de honra, un ámbito que se pode definir como a “multidisciplinaria ecología de los montes arbolados”.

Son senlleiras as súas aportacións froito de investigacións levadas a cabo ten todo o ancho mundo, dende a península ibérica ata China pasando por México ou a República Surafricana. Unhas achegas que se multiplicaron nos últimos anos e tras acceder á condición de emérito, o que dá boa mostra do seu talento e tamén da súa incansable vocación universitaria.

Sendo esta a súa traxectoria e o seu perfil  resulta obvio o seu encaixe natural neste Campus Terra, un campus de especialización que,  contando coa colaboración institucional da Xunta de Galicia, co apoio decidido  da Deputación Provincial e do Concello de Lugo, e coa complicidade do tecido empresarial e o sector produtivo,   pretende ser un referente científico  e social nos ámbitos do coñecemento vinculado á sostibilidade económica, social e medioambiental do uso da terra. A súa especialización docente en materias relacionadas co sector agro-forestal e gandeiro, coa nutrición, a ecoloxía e a preservación da natureza, que se reforzarán coa implantación de novos graos coma o de Robótica, no curso que imos estrear en setembro, e Bioquímica, Empresa e tecnoloxía e Xestión e difusión cultural no 2020/21.

Estes estudos compleméntase, ademais, cun importante aliñamento da investigación cara a estes mesmos obxectivos. O recoñecemento da agrupación estratéxica Biorredes, orientada ao estudo de Biorrecursos e o seu desenvolvemento e produción sostible, que integra 16 grupos de referencia competitiva e potencial crecemento, máis dun cento de investigadores estables, 40 investigadores en formación e outro tanto persoal técnico, é outro fito salientable que, dende hoxe mesmo se reforza coa incorporación ao noso Claustro de Doutores do profesor Von Gadow  a que consideramos xa un dos nosos, compartindo galería de honoris causa con P. K. Nair, como tivo ocasión de comprobar con ocasión da visita  realizada o pasado martes a Compostela.

E todo isto é posible grazas ao bo facer do seu padriño, o profesor Juan Gabriel Álvarez, a quen quero agradecer, ademais do seu compromiso coa investigación, o seu empeño  nesta proposta e no desenvolvemento deste acto, pero sobre todo o feito de ter tecido estes vínculos profesionais e tamén persoais que hoxe maduran e se institucionalizan con toda a solemnidade que merece un acontecemento desta natureza abrindo  importantes oportunidades para o futuro da Universidade, deste campus e da sociedade á que nos debemos.

Profesor Von Gadow, benvido ao noso Claustro de Doutores a través desta magnífica porta que abre o Campus Terra!. Sentímonos moi honrados coa súa xenerosa aceptación.

Diciamos con ocasión da toma de posesión que “somos a universidade nacida para facer brillar Galicia e non renunciamos a que o coñecemento, a ciencia, a tecnoloxía, pero tamén os valores, os principios e as actitudes, que deben guiar o novo tempo do noso país xermolen nos nosos laboratorios e nas nosas aulas". E engadía: "Esa é a nosa vocación individual e colectiva. Queremos ser a vangarda no coñecemento, na excelencia, pero tamén na igualdade, na inclusión social, así como no compromiso cos obxectivos dun desenvolvemento sostible.

Cando en 1988, con ocasión do nonixentésimo aniversario da Universidade de Bolonia, se firma a Magna Charta Universitatum, afírmanse como principios fundamentais nos que basear a misión das universidade os seguintes:

  1. A investigación e ensino deben ser intelectualmente e moralmente independentes de toda influencia política e intereses económicos.
  2. O ensino e a investigación deben ser inseparables.
  3. O terceiro principio identifica a universidade como un sitio de investigación e debate libre, distinguido pola súa apertura ao diálogo e o rexeitamento da intolerancia.

Nestes 30 anos moito teñen cambiado as cousas, a todos os niveis, tamén no que atinxe ao coñecemento e á súa difusión. Penso que se pode afirmar que tamén a Universidade mudou máis neses anos que en todos os séculos anteriores.

A pesar destes cambios segue manténdose incólume o potencial da educación superior como un axente positivo de  cambio e de transformación social. Os principios establecidos en 1988 seguen a ser válidos hoxe pero, neste novo escenario, resulta preciso que a Academia identifique outros principios e valores que deben caracterizar o papel das universidades a nivel global para o  século XXI.

Nesta nova formulación da Magna Charta afírmase coma o primeiro dos valores e principios o seguinte:

As universidades aceptan que teñen a responsabilidade de ser solidarias e responder ás aspiracións e retos do mundo ao que serven. Os seus descubrimentos e a mobilización destes descubrimentos a través do ensino e da difusión pública, benefician á humanidade e deben contribuír á vida sostible no noso planeta.

Cando incorporamos ao noso Claustro de Doutores a un investigador eminente comprometido coa conservación e sostibilidade das nosas fragas e ecosistemas, e se ademais o facemos dende o Campus Terra, é este un día propicio para reiterar o compromiso da nosa Universidade cos coñecidos como obxectivos de desenvolvemento sostible. Encaixa como anel no dedo o obxectivo 15 que pretende xestionar sostiblemente as fragas, loitar contra a desertificación, deter e inverter a degradación das terras e frear a perda de biodiversidade.

Pero hai mais: a xestión sostible da auga e da enerxía,  crecemento inclusivo e sostible, consumo e produción sostibles,  ademais de deter a perda de biodiversidade e o cambio climático, son liñas estratéxicas que deben orientar todas as nosas accións como Universidade e que encaixan perfectamente na especialización temática, docente e investigadora deste Campus.

Tampouco podemos esquecer ás persoas e moi particularmente ao estudantado, destinatarios inmediatos da nosa  función docente. Temos que deseñar unha oferta educativa atractiva, que sintonice coas súas demandas pero que tamén se adecúe cos perfís laborais agardando que lles abra as portas para a inserción laboral e profesional. Só así conseguiremos encher as nosas aulas, sexan reais ou virtuais, de alumnas e alumnos  en busca dunha formación que debe ser inclusiva, equitativa e de calidade e que promova oportunidades de aprendizaxe para todos e durante toda a vida.  A mencionada Magna Charta, na súa versión de 2020, declara nesta liña que: as universidades pretenden ser espazos non discriminatorios, de tolerancia e respecto, onde florece a diversidade de perspectivas e onde prevalece a inclusión ancorada en principios de equidade.

Estes novos tempos que nos toca vivir reclaman una aliñamento decidido da Universidade como axente  activo da mellora social a través da docencia, da investigación e da transferencia. Como Universidade pública que somos, este compromiso forma parte da nosa responsabilidade social e debe servir para lograr a complicidade da cidadanía, o mellor aval para que os nosos gobernantes aposten tamén polo  sistema universitario público como un investimento imprescindible e moi rendible para seguir avanzando cara a una sociedade máis xusta, plural, pacífica e inclusiva.