Pasar al contenido principal

As Faíscas Culturais chegan a Dereito a través dunha posta en escena do alumnado para homenaxear o SEG

O acto contou cunha lectura de textos. FOTO: Santi Alvite
O acto contou cunha lectura de textos. FOTO: Santi Alvite
A lectura de textos a través da personificación dos propios integrantes do Seminario de Estudos Galegos coincidiu coa estadía na Facultade da mostra itinerante ‘Saber de Nós. Unha ollada ao centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos’
Santiago de Compostela

A posta en escena que alumnado de Dereito desenvolveu este venres 27 dando lectura a diversos textos e personificando os integrantes do Seminario de Estudos Galegos (SEG) constituíu a segunda Faísca Cultural deste curso 2023-2024. A través destas intervencións coas que se rende tributo ao SEG, a USC quere prender a reflexión cultural e complementar a formación do estudantado a través de actividades que se sitúan na intersección entre o coñecemento académico e a expresión artística. O reitor Antonio López e a decana Ana Gude acompañaron o estudantado nesta posta en escena que coincide coa estadía no centro da mostra itinerante ‘Saber de Nós. Unha ollada ao centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos’, comisariada por Henrique Monteagudo.

As faíscas son partículas que se desprenden dun corpo que arde. A partir deste concepto, a USC lanzou o pasado curso un novo proxecto artístico-pedagóxico co que se logrou que o “lume” das manifestacións culturais e artísticas saltase ata as aulas universitarias e prendese a través da reflexión no alumnado inseríndose no seu currículo académico. As Faíscas pretenden conectar o que a USC realiza no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas e forman parte da programación do Outono Cultural integrado por un amplo e diverso abano de actividades no que música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais danse a man.

Programa

A mostra ‘Saber de Nós’ irá viaxando de centro en centro e durante a súa vixencia enmarcarase cada unha das Faíscas culturais. Así, a Faísca da Facultade de Filoloxía terá lugar o 9 de novembro e consistirá nunha mesa redonda na que Alejandra Ulla, Elias Torres, Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra abordarán o SEG, a filoloxía e as letras galegas e a relación con Portugal. ‘As Cruces de Pedra na Galiza e o estilo galego de Castelao’ é o título da aula aberta coordinada por José M. López Vázquez, intervención que a Facultade de Xeografía e Historia acollerá o 20 de novembro. Ciencias Económicas e Empresariais será o escenario da Faísca que leva por título ‘O mundo dos Felices Anos Vinte. Unha perspectiva dende Galiza’, aula aberta con Adrián Dios e Xoán Carmona, que terá lugar o 29 de novembro.

Xa no Campus de Lugo e baixo o lema ‘O Seminario de Estudos Galegos: o territorio e o patrimonio natural de Galicia’, Francisco Sineiro, Eduardo Corbelle e Pablo Ramil impartirán unha aula aberta na EPS de Enxeñaría o vindeiro 22 de novembro. Finalmente, Veterinaria acollerá o 29 de novembro a intervención de Ruth Bermúdez Rodríguez, quen afondará no rol do SEG no estudo do papel das razas autóctonas de Galicia. Os horarios e localizacións das diferentes actividades xa poden consultarse na páxina web das Faíscas Culturais.

O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi fundado en outubro de 1923 por un grupo de universitarios co obxecto de formar novo persoal investigador dentro dos diversos aspectos da realidade galega. Malia que o SEG puxo o foco inicialmente nas Humanidades, axiña se abriu cara as ciencias sociais e naturais, constituíndo “un refacho de aire fresco na Universidade de Santiago”, tal e como se explica nos paneis que integran a mostra ‘Saber de Nós’.

O reitor Antonio López e a decana Ana Gude acompañaron o estudantado nesta posta en escena. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e a decana Ana Gude acompañaron o estudantado nesta posta en escena. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.10.2023.