Pasar al contenido principal

Os mestrados en Química Orgánica e en Enxeñaría Química e Bioprocesos reciben a mención de excelencia da Xunta de Galicia

Imaxe de arquivo do laboratorio de Enxeñaría Ambiental na ETSE. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo do laboratorio de Enxeñaría Ambiental na ETSE. FOTO: Santi Alvite
Estas titulacións engádense ás outras tres da USC que xa acadaran este distintivo en anteriores convocatorias, Enxeñaría Ambiental, Matemática Industrial e Computación de Altas Prestacións
Santiago de Compostela

Os mestrados da USC en Enxeñaría Química e Bioprocesos, así como en Química Orgánica (titulación conxunta das universidades de Santiago de Compostela, Autónoma de Madrid e Complutense de Madrid), acaban de ser distinguidos coa mención de excelencia que a Xunta de Galicia outorga a titulacións oficiais de mestrado. Deste xeito, a institución compostelá conta cun total de cinco mestrados recoñecidos con este distintivo, xa que en anos anteriores foron seleccionadas as titulacións en Enxeñaría Ambiental, Matemática Industrial (impartido entre USC, UDC, UVigo, Carlos III e Politécnica de Madrid) e Computación de Altas Prestacións (conxunto entre as universidades da Coruña e Santiago). 

A mención de excelencia recoñece o traballo ben feito e acredita a calidade das nosas titulacións a nivel formativo e científico-técnico, sinala a vicerreitora de Titulacións de Internacionalización María José López Couso, e engade un sinal de calidade á nosa oferta de posgrao oficial para que sexa recoñecible a súa singularidade. “Non están todos os que son, pero progresivamente a listaxe vai medrando, como demostran as dúas novas incorporacións que elevan a cinco o número total dos nosos mestrados recoñecidos nesta iniciativa da Xunta de Galicia”, engade.

Esta mención, tal e como recolle a convocatoria, introduce un instrumento de carácter voluntario para a mellora progresiva da oferta académica especializada do SUG, recoñecendo a solvencia científico-técnica e a capacidade formadora de determinadas titulacións. Por outra banda, esta distinción pretende favorecer a posta en marcha de medidas de mellora da calidade na oferta de mestrados universitarios nas universidades públicas do SUG, nunha aposta polo futuro da Comunidade, de cara a satisfacer a necesidade de formación especializada, tanto profesionalizante como de carácter investigador, que vén requirindo a contorna socioeconómica. 

Este distintivo é, ademais, a resposta aos retos de modernización e innovación a que se enfrontan as universidades galegas e permitiralles a estas titulacións contar cunha diferenciación e cunha identificación da súa calidade e prestixio, alén de potenciar a actividade docente e investigadora e incrementar o seu atractivo e capacidade de retención de talento.

Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do mestrado como a taxa de ocupación, as entidades públicas e privadas que colaboran directamente coa titulación, o procedemento de selección do alumnado, a porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais.

Outros aspectos valorados foron os resultados (enquisas de satisfacción ou seguimento das persoas egresadas no mercado laboral, entre outros), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do mestrado), o plan de xestión para os cinco próximos cursos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención, o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas e emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado ou as estratexias de emprendemento.

A Xunta de Galicia outorga por cuarto ano estas mencións de excelencia a titulacións universitarias oficiais de mestrado, impartidas no Sistema Universitario de Galicia. Ademais, cómpre lembrar que o Goberno galego vén de poñer en marcha un novo selo de excelencia docente de grao universitario, co obxectivo de recoñecer e acreditar a calidade académica destes estudos do Sistema Universitario Galego. As universidades teñen ata o 11 de decembro para presentar as solicitudes a este selo.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2023.