Pasar al contenido principal

Ataque Escampe presenta este xoves na Casa do Saber o disco ‘Primeiros bicos’ no marco do Lubicán 2017

Compoñentes da banda Ataque Escampe
Compoñentes da banda Ataque Escampe
O concerto, de entrada libre e de balde ata completar aforo, comeza ás 21.00 horas

O grupo de pop galego Ataque Escampe, unha formación nada en 2001 arredor da compostelá residencia universitaria Monte da Condesa, presenta este xoves en Lugo o seu último traballo, ‘Primeiros bicos’, no marco do ciclo Lubicán 2017, que recibe financiamento a través do convenio Lugo Cultural, no que participan o Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo xunto coa USC.

‘Primeiros bicos’ é o sexto disco de Ataque Escampe, unha formación que incide neste traballo na aproximación do pop ás músicas do hemisferio Sur, especialmente no plano rítmico, no que a banda xa viña traballando nas súas anteriores achegas, ‘O disco vermello’ (2014) e ‘Noites de agosto con Ataque Escampe’ (2012). Porén, ‘Primeiros bicos’ é, sen dúbida, o traballo máis intenso e bailable de Ataque Escampe, que nesta ocasión ofrece un son máis cru e próximo ao directo.

Nos textos, baixo unha primeira capa de fraxilidade, latexan as pantasmas do pasado, a celebración da vida con toda a súa crueldade e a constatación, amarga ou mordaz pero nunca nostálxica, de que o tempo pasa. ‘Primeiros bicos’, recolle así os vestixios de enerxía adolescente que os seus autores deron rescatado do fondo das vísceras para arder con eles nun festival de electricidade e emoción.

O concerto de presentación do último traballo de Ataque Escampe en Lugo comezará ás 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber. A entrada é libre de balde, como toda a programación cultural que recibe financiamento ao abeiro do convenio Lugo Cultural, ata completar o aforo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.03.2017.