O concurso ‘A ciencia en imaxe’ engade unha modalidade de carteis divulgativos
Unha nova categoría de carteis divulgativos ampliará este curso a convocatoria do Concurso ‘A ciencia en imaxe’, cuxas propostas gañadoras coñeceranse o 14 de novembro no acto conmemorativo de San Alberte Magno, patrón das facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química. Este concurso, que alcanza a súa décima edición, está co organizado coa Real Academia Galega de Ciencias.
Ademais da de carteis, nomeada en honra a Domingo Fontán, a segunda das modalidades incluídas no concurso é a relativa a Fotografía. En ambos casos trátase dunha convocatoria aberta á toda a comunidade universitaria da USC e dotada con 200 euros para o primeiro premios e 100 para o segundo, sen excluír a posibilidade de que se poidan conceder unha ou máis mencións de honra a criterio do xurado. O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 8 de novembro de 2023.
A autoría das fotografías debe ser individual, mentres que a dos carteis pode ser individual ou grupal. Neste último suposto deberá indicarse no propio formulario de inscrición cal das persoas autoras actuará como contacto a efectos de notificación. Pola súa banda, a temática está aberta a calquera contido relacionado coas Ciencias (conceptos fundamentais, persoal científico, fenomenoloxía, aplicacións tecnolóxicas, temas de investigación,...).
Inscrición
O rexistro no concurso é gratuíto e formalizarse no mesmo momento no que a persoa interesada envíe o formulario correspondente xunto co arquivo coa fotografia ou co cartel divulgativo ao enderezo de correo electrónico matematicas.acienciaenimaxe [at] usc.gal. No asunto será preciso indicar ‘A Ciencia en Imaxe: fotografía’ ou ‘A Ciencia en Imaxe: cartel’, en función da categoría.
As contribución deberán serán ser orixinais, inéditas (non publicadas por ningún medio de comunicación, mesmo dixital), non ter sido presentadas en edicións anteriores e non premiadas en concursos. De ser o caso, a persoa que presente o traballo será automaticamente descualificada.
Cada participante poderá presentar unha única achega en cada categoría, dixitalizada e realizada con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. A obra acompañarase dun título e pode incluír un breve comentario ou reflexión dun máximo de 12 liñas. No caso dos carteis, poderán realizarse en papel ou en formato dixital. No caso de que se fagan en papel, deberán estar dixitalizados, e poderán conter fotografías ou elementos gráficos de autoría propia ou de terceiros sempre que dispoñan dos dereitos correspondentes para a súa utilización.
Xurado
O xurado do concurso de fotografía estará composto por un membro de cada unha das cinco facultades organizadoras, unha representación da RAGC e poderá incluír coa asesoría dunha persoa experta en imaxe. Tamén será membro do xurado a decana de Matemáticas que actuará como presidenta. Na modalidade de Carteis ‘Domingo Fontán’ estará composto por estudantado de cada unha das facultades organizadoras e unha representación da RAGC, baixo a presidencia novamente da decana de Matemáticas.
Para valorar as obras presentadas, os xurados terán en conta a orixinalidade das propostas, a súa estética, capacidade comunicativa, calidade e adecuación á temático do concurso. Os premios entregaranse o día 14 de novembro na Aula Magna da Facultade de Matemáticas no transcurso do acto conmemorativo do patrón das Ciencias.