Pasar al contenido principal

O XXIX Maratón Fotográfico do Campus premia imaxes de ‘caos’ de José Luis Bermúdez, Ester López e Rocío Losada

Gañadores, participantes e organizadores do XXIX Maraton Fotográfico do Campus. Foto: Marcos Loopez
Gañadores, participantes e organizadores do XXIX Maraton Fotográfico do Campus. Foto: Marcos Loopez
A Biblioteca Intercentros amosa ata o 19 de xaneiro 20 das fotografías presentadas ao certame nunha mostra que viaxará á Biblioteca Provincial a partir do 22 de xaneiro
Lugo

A vixésimo novena edición do Maratón Fotográfico do Campus, un certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, celebrou este luns na Biblioteca Intercentros a cerimonia de entrega de premios ás persoas autoras das mellores imaxes presentadas a concurso nunha edición na que o xurado acordou distinguir as fotografías ‘Entre recunchos’, de José Luis Bermúdez Salinas; ‘Ollo’, de Rocío Losada Iglesias, e ‘Vivir no caos’, de Esther López Álvarez.

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro; a deputada provincial delegada da Área de Cultura , Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro Ferreiro; o representante do Grupo Cinematográfico Fonmiñá e coordinador do Maratón Fotográfico do Campus, Eduardo Ochoa; o adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica e Campus de Lugo, Antonio Álvarez, e a directora da Biblioteca Intercentros, Julia Cantalapiedra, participaron na entrega dos galardóns no marco dunha sesión na que se  puxo en valor a calidade artística e técnica dos traballos presentados.

Logo de avaliar cada unha das candidaturas, o xurado responsble da concesión dos premios, un comité do que tamén formou parte a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, acordou outorgar o Premio Carlos Valcárcel, co que se recoñece a mellor fotografía e que está dotado cunha gratificación en metálico de 350 euros, ademais de trofeo e diploma, a José Luis Bermúdez Salinas por ‘Entre recunchos’.

Rocío Losada Iglesias acadou o premio na modalidade de tema libre, dotado con 250 euros, trofeo e diploma pola fotografía ‘OIlo’, mentras que Esther López Álvarez recibiu o Premio Eduardo Ochoa, que conta cunha dotación económica de 300 euros, trofeo e diploma, con ‘Vivir no caos’.

A cerimonia de entrega deste galardóns precedeu a apertura dunha mostra que inclúe 20 das fotografías presentadas ao certame e que permanecerá na entrada na Biblioteca Intercentros ata o vindeiro 19 de xaneiro. Esta mesma exposición tamén poderá visitarse na Biblioteca Provincial de Lugo a partir do 22 de xaneiro de 2024. Asemade, do mesmo xeito que en anteriores edicións, os organizadores do Maratón Fotográfico do Campus tamén escolleron unha ducia de imaxes que servirán para ilustrar o calendario de Lugo Cultural 2024.

Gañadores e organizadores do XXIX Maratón Fotográfico do Campus. Foto: Marcos Loopez
Gañadores e organizadores do XXIX Maratón Fotográfico do Campus. Foto: Marcos Loopez
Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.11.2023.