Pasar al contenido principal

As Xornadas CRUE-Xerencias abordan dende Compostela o futuro da xestión universitaria

Ao longo de tres xornadas, o foro constitúe a cita anual da comisión sectorial de xerencias da CRUE. FOTO: Santi Alvite
Ao longo de tres xornadas, o foro constitúe a cita anual da comisión sectorial de xerencias da CRUE. FOTO: Santi Alvite
A USC acolle ata o venres 10 a trixésimo oitava edición deste foro que reúne os equipos de xerencia e cargos directivos das universidades españolas para debater aspectos comúns na xestión das institucións de educación superior
Lugo, Santiago de Compostela

A profesionalización da xestión universitaria, a xestión da investigación e os retos orzamentarios centran dende este mércores 8 as trixésimo oitavas xornadas CRUE-Xerencias que se desenvolven na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC ata o 10 de novembro. O reitor da USC, Antonio López; o presidente de CRUE-Xerencias e reitor da UDC, Julio Abalde; o xerente da institución compostelá, Xavier Ferreira; e a secretaria executiva de CRUE-Xerencias, Matilde Yebra, inauguraron o foro. Antón Losada pronunciou o relatorio inaugural no que abordou os retos da universidade pública nunha intervención que levaba por título ‘A Universidade Pública baixo asedio: manual de resistencia’. 

Ao longo de tres xornadas, o foro constitúe a cita anual da comisión sectorial de xerencias da CRUE que reúne os equipos de xerencia e cargos directivos das universidades españolas para debater aspectos comúns na xestión das institucións de educación superior. A edición deste ano ten como fío condutor as recentes mudanzas lexislativas no eido universitario. 

Deste xeito, tratarase a nova Lei Orgánica do Sistema Universitario que trae consigo a necesidade de adaptar as estruturas universitarias ás súas previsións, profundando nunha xestión profesionalizada e en novos modelos organizativos. Doutra banda, a modificación da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, xunto coa última reforma laboral, supoñen unha oportunidade para que as universidades desenvolvan unha das súas principais funcións, a investigación e a transferencia do coñecemento. Ao anterior, engádese a xestión de fondos Next Generation, un desafío máis para os modelos organizativos que tamén será obxecto de análise no marco deste foro. 

Por último, trataranse os retos orzamentarios, “cuestión de fondo pero esencial para desenvolver nas mellores condicións a educación superior universitaria mediante a docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento, funcións do sistema universitario que a LOSU desenvolve con nova intensidade”, apuntan dende a organización das xornadas. As sesións nutriranse de diversos talleres temáticos arredor dos tres eixos que conforman o programa científico, mentres que o venres 10 pecharase o encontro co desenvolvemento do Pleno de CRUE-Xerencias e a conferencia de clausura a cargo do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.11.2023.