Pasar al contenido principal

Ana Gude repite á fronte do decanato de Dereito

Con anterioridade ao cargo de decana, a profesora Gude xa ocupara diversas tarefas de xestión na Facultade como vicedecana de Organización Académica. FOTO: Santi Alvite
Con anterioridade ao cargo de decana, a profesora Gude xa ocupara diversas tarefas de xestión na Facultade como vicedecana de Organización Académica. FOTO: Santi Alvite
A profesora foi reelixida por 46 votos a favor nas eleccións que se desenvolveron este mércores 8
Santiago de Compostela

A profesora de Dereito Constitucional Ana Gude repetirá outros catro anos como decana da Facultade de Dereito logo das eleccións desenvolvidas este mércores 8. Gude foi elixida por 46 votos a favor, mentres que a candidata Sonia Esperanza Rodríguez Boente acadou 19. Os resultados completáronse con cinco votos en branco e un voto nulo. 

Ana Gude volveu presentarse aos comicios porque “quero poñer ao servizo do centro a experiencia que adquirín coa súa xestión durante estes catro anos, o meu coñecemento dos seus problemas (que son os de todos os que formamos parte deste centro) e, dende logo, a miña vontade e ilusión para afrontar os retos que nos depara o presente e o futuro nunha Universidade en permanente cambio”. O programa da profesora Gude atopábase estruturado en seis apartados: docencia, investigación, persoal de administración e servizos, alumnado, infraestruturas e calidade. 

“A miña proposta seguirá sendo a dunha Facultade que sexa referente na docencia e na formación que imparte, que lles garanta aos estudantes as mellores condicións para o estudo e que promova iniciativas que os atraia”, sinalou a profesora Gude. “Continuarei apoiando e esixindo o recoñecemento do labor diario que realiza o PAS do noso centro e das tarefas investigadoras do PDI e apoiarei ao máximo as demandas dos docentes e investigadores en formación, que son e serán a garantía de futuro do centro”, matizou. “O meu compromiso (e a miña ilusión) é contribuír á mellora constante da Facultade, cunha xestión responsable, transparente e integradora”, dixo.

Currículo 

Con anterioridade ao cargo de decana, a profesora Gude xa ocupara diversas tarefas de xestión na Facultade como vicedecana de Organización Académica, así como secretaria e directora do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado, en etapas sucesivas. No ámbito da investigación forma parte do grupo de Dereito e cidadanía e as súa liña de traballo neste eido céntrase no Dereito parlamentario e nos dereitos fundamentais.

O equipo completarano Natalia Pérez Rivas como secretaria da Facultade e responsable de calidade xunto aos vicedecanos Vicente Antonio Sanjurjo Rivo e Francisco Javier Framiñán Santas. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.11.2023.