A spin-off FlowReserve Labs recibe o premio Revelación no Forum Retos Internacionais do Ecosistema Saúde
A empresa de base tecnolóxica da USC FlowReserve Labs acaba de recibir o premio Revelación no marco da oitava edición do Forum Retos Internacionais do Ecosistema Saúde (RIES 23), un evento liderado pola Agrupación industrial Saúde de Galicia que reuniu a expertos e profesionais da saúde, proporcionando un espazo para abordar os desafíos e oportunidades do ecosistema de saúde a nivel nacional e internacional.
O premio Revelación é proba do compromiso de FlowReserve Labs coa mellora directa da calidade de vida dos pacientes con cardiopatía isquémica. A empresa destacou por optimizar a atención dos cardiólogos mediante a redución do risco de intervencións e a rapidez de diagnóstico, e lograr un impacto positivo nos sistemas sanitarios mediante a axilidade e a redución de custos.
FlowReserve, fundada en 2020 como unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), proporciona indicadores cardiolóxicos de diagnóstico por métodos non invasivos utilizando un xemelgo dixital das arterias coronarias que se obtén mediante reconstrución de imaxes de TAC e aplicación de modelos de dinámica de fluxo. Esta innovadora solución marca un fito para a cardioloxía ao proporcionar diagnósticos rápidos e precisos que permiten personalizar o tratamento dos pacientes.
Este premio valida os logros obtidos por FlowReserve Labs e supón un impulso adicional para o futuro da cardioloxía. A empresa comprométese a seguir liderando innovacións que transformen o panorama da saúde, aproveitando este recoñecemento como un catalizador para futuros avances.