Pasar al contenido principal

210. Desertización ou desertificación: o deserto faise ou facémolo?

Un idioma preciso

Coma todos os anos, o pasado 17 de xuño a ONU conmemorou os esforzos que se desenvolven en todo o mundo para frear o avance dos desertos e da seca. Fíxoo a través do World Day to Combat Desertification and Drought, e foi esta denominación a que nos deu o tema para o apuntamento de hoxe: se queremos citala en galego debemos usar desertización, desertificación ou calquera das dúas?

Para atopar unha resposta temos que rastrexar uns cantos dicionarios. O Dicionario da RAG e algún outro só recollen desertizar e/ou desertización, sen facer referencia ningunha a "desertificación", nin para indicar que significan o mesmo nin para desaconsellar o seu uso. Temos que ir a TERGAL para atopar -tamén co aval da RAG- as dúas formas, cada unha delas cun significado particular. Mentres que a desertización se define como o proceso de conversión en deserto provocado por un 'cambio progresivo do clima', a desertificación débese á 'destrución da vexetación e do solo producida pola acción do home'.

Parece logo, que a recomendación para o galego é a de diferenciar os dous substantivos, segundo a man humana teña ou non un papel directo na formación do deserto.

Esta diferenciación recoméndase tamén en fontes portuguesas ou catalás, pero outras linguas veciñas optan por ignorala, de xeito máis ou menos explícito. É explícito o castelán, pois o Diccionario da RAE trata desertizar e desertificar como sinónimos; e non o é tanto o inglés, lingua en que se discute a pertinencia da diferenciación, aínda que na práctica desertification emprégase maioritariamente para nomear calquera proceso de conversión en deserto, con independencia do axente causante).

En calquera caso, e con independencia do que se faga noutras lingua, en galego é pertinente manter a diferenciación entre desertización e desertificación, así que o que a ONU celebrou o pasado 17 de xuño foi o Día Mundial de Loita contra a Desertificación e a Seca.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.