Pasar al contenido principal

209. O "solraio", un tiburón de fóra cun nome de fóra

Un idioma preciso

Nestas últimas semanas a actualidade vainos dando os temas para esta sección: primeiro foi o "nabo do diaño", despois a "lawfare", e hoxe imos vestir o traxe de neopreno para coñecer a quenlla solraio.

Esta especie de tiburón (Odontaspis ferox) de augas profundas era un descoñecido entre nós ata hai unha semana, cando un exemplar foi avistado por primeira vez en augas galegas. Isto fíxolle pasar do anonimato a unha efémera fama nas pantallas de televisión e nas páxinas dos xornais, pero ese novo famoso precisaba un nome, e loxicamente non había nome popular en galego para unha especie que nunca se vira no noso mar.

En situacións coma estas, o castelán adoita 'vir na nosa axuda'. Se nese idioma lle chaman solrayo, que mal pode ter que en galego o adaptemos graficamente e lle chamemos "solraio", "quenlla solraio" ou "tiburón solraio"?

Pois o mal que ten é que non facía falta pedirlle emprestado nada ao castelán, porque desde hai máis de 20 anos, no Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos aconséllase (páx. 185) que utilicemos tiburón de area como nome galego para esa especie. Alí podemos comprobar tamén como este nome galego ten paralelismos co usado en portugués (tubarão-areia) e en inglés (smalltooth sand tiger), mentres que o solrayo do castelán segue unha liña totalmente diverxente á das outras linguas do noso contorno.

Así que, imos aproveitar esta fama fuxidía do Odontaspis ferox para popularizar o seu nome recomendado en galego: tiburón de area. E escapémoslle a nomes copiados do castelán, como "solraio", tanto como lle escapariamos ao propio animal.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.