Pasar al contenido principal

200. Variante delta: os virus perderon o pasaporte

Un idioma preciso

Achégase o verán, aumenta a poboación vacinada, van desaparecendo parte das restricións... parece que se acumulan as boas novas en relación coa COVID-19, se as novas variantes o permiten. Porque a delta, a última en facerse mediática, xa está lentificando ou paralizando a desescalada en varios países europeos.

Nos meses que levamos oíndo falar das distintas variantes (se eran máis contaxiosas, se as vacinas ían manter ou non a súa eficacia...) estas sempre tiñan un xentilicio que as identificaba como un pasaporte: eran británicas, surafricanas ou brasileiras. Pero nos últimos días vivimos en directo un cambio: a variante india perdeu o xentilicio e pasou a denominarse delta. Que foi o que pasou?

Para explicalo, imos falar un pouco das variantes do SARS-CoV-2, de como se clasifican e de como se lles pon nome. E para iso, comecemos polo principio.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) fai un seguimento especial daquelas variantes que poden supor un perigo para a saúde global, e clasifícaas en dúas categorías segundo a gravidade deste perigo:

  1. As variantes de interese son aquelas que posúen no seu xenoma mutacións con implicacións fenotípicas establecidas ou sospeitadas; e que ademais cumpren unha das condicións seguintes: a) causar múltiples casos de transmisión comunitaria ou ser detectada en múltiples países; b) ser clasificada nesta categoría pola OMS.
     
  2. As variantes preocupantes son variantes de interese con vinculación demostrable con algunha das seguintes alteracións, nun grao significativo para a saúde pública mundial: a) aumentar a transmisibilidade ou empeorar a epidemioloxía da COVID-19; b) aumentar a virulencia ou alterar as doenzas clínicas asociadas que provoca; c) diminuír a eficacia das medidas de saúde pública ou das ferramentas diagnósticas e terapéuticas que se empregan para tratala.

Estas últimas son as que, pola súa relevancia social, rebordaron o ámbito da investigación científica e chegaron aos medios de comunicación e a espazos divulgativos. Como as nomenclaturas científicas (B.1.1.7, B.1.617.2 e cousas así) non eran utilizables neses contextos, comezaron a empregarse denominacións que aludían ao estado onde esa variante se documentou en primeiro lugar: así comezamos a oír falar das variantes con xentilicios (a última delas, a india).

Pero a OMS considerou —con razón— que estes nomes son discriminatorios e estigmatizantes, e que sinalan a determinados estados e poboacións. E por iso, desde hai unhas semanas, recomenda para os usos non científicos unha nova nomenclatura baseada no alfabeto grego, e invita a non empregar os nomes que aluden a un lugar xeográfico concreto.

Velaí o motivo polo que os nomes das variantes do SARS-CoV-2 perderon o seu pasaporte, e a variante india se converteu en variante delta.

E tamén por iso é mellor empregar variante alfa (no canto de variante británica), variante beta (mellor ca variante surafricana) e variante gamma (mellor ca variante brasileira).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.