Pasar al contenido principal

Unha nova definición concibe a vida como un proceso interactivo entre diversos sistemas

Esta nova definición considera que a reprodución e a evolución “non son esenciais” á hora de definir a noción de ‘vida’. FOTO: CiTIUS
Esta nova definición considera que a reprodución e a evolución “non son esenciais” á hora de definir a noción de ‘vida’. FOTO: CiTIUS
O catedrático da USC Jaime Gómez Márquez establece na revista ‘The Science of Nature’ unha nova achega definitoria que podería aplicarse mesmo a entidades creadas por Intelixencia Artificial
Santiago de Compostela

Que é a vida? Ao longo da historia téñense formulado múltiples definicións dende diversas ópticas “pero ningunha delas acadou o consenso da comunidade científica”, explica o profesor Jaime Gómez Márquez no seu artigo ‘Reflections upon a new definition of life’, que acaba de ver a luz na revista The Science of Nature. Logo de establecer que características son comúns a todos os sistemas vivos, o profesor Gómez Márquez achega unha nova definición do concepto ‘vida’ como un proceso interactivo entre diversos sistemas que abranguen dende a adaptación á contorna, a información que circula entre os distintos compoñentes do ser vivo, así como a entropía ou a tendencia natural á perda de orde dun sistema. Esta nova definición considera que a reprodución e a evolución “non son esenciais” á hora de definir a noción de ‘vida’. 

Existe, a xuízo do profesor Gómez Márquez, unha dualidade inseparable entre o sistema (ser vivo) e o proceso (vida).  A vida é, polo tanto, un proceso, mentres que os seres vivos son o sistema no que ten lugar ese proceso. Esta nova definición pode aplicarse tamén a sistemas vivos, temporalmente sen vida, como pode ser o caso de virus, sementes latentes ou células ultra frías, así como entidades creadas mediante intelixencia artificial ou mesmo a hipotética existencia de vida extraterrestre. 

“Todos os sistemas vivos son perecedeiros porque o paso do tempo conduce a un aumento da entropía”, explica o catedrático da USC. “A vida crea orde a medida que vai xerando de xeito continuo desorde e exportándoa á súa contorna”, engade. “Movémonos nunha fase de transición entre a orde e o caos, lonxe do equilibrio, grazas ao imput de enerxía que recibimos do exterior”, sinala o catedrático da área de Bioquímica e Bioloxía Molecular. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.11.2023.