Pasar al contenido principal

175. Gañarémoslle o pulso ao selfie?

Un idioma preciso

Non é habitual que a maior parte das linguas románicas se poñan de acordo para recomendar que non empreguemos un determinado anglicismo, e menos aínda que practicamente coincidan na alternativa que ofrecen para suplantalo. Un deses raros casos é o de selfie.
 

Para este tipo particular de autorretrato, tan popular nas redes sociais que ata o Papa ten algún, estase recomendando autofoto en catalán e castelán, e autophoto ou égoportrait en francés. Só o italiano e o portugués parecen asumir como adecuado o emprego do anglicismo.
 

En galego, a forma autofoto ten tamén unha certa presenza na documentación real. Por iso, cando no proceso de elaboración do Vocabulario panlatino das redes sociais tivemos que propoñer unha denominación para ese concepto, pareceunos mellor potenciar a forma propia no canto de asumir a incorporación directa do anglicismo. Pero non temos nada claro que a nosa recomendación vaia triunfar, pois selfie ten xa unha altísima difusión en galego, e é unha forma que pode integrarse nesta lingua con moita facilidade, pois encaixa ben nos seus patróns de ortografía e de pronuncia.
 

Así pois, animámosvos a que fagades autofotos e as difundades a través das vosas redes sociais, ou dos servizos de mensaxería instantánea. A ver se conseguimos que esta palabra compita con selfie, e non se converta nunha (noutra) batalla perdida.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2023.