Pasar al contenido principal

174. Abellóns por control remoto.

Un idioma preciso

Se o futuro é como nolo anuncian, parece que non pasara moito tempo sen que enxamios de robots voadores circulen sobre as nosas cabezas facendo as máis diversas tarefas (algunhas ben pouco confesables). Se van ser os nosos veciños, vai sendo hora de que pensemos en darlles un nome.
 

Ao estaren vinculados en orixe á tecnoloxía militar, e ao teren un aspecto semellante ao dun avión, os seus primeiros nomes foron puramente descritivos: aeronave non tripulada ou vehículo aéreo non tripulado, copiando o inglés unmanned aircraft e unmanned aerial vehicle.
 

Pero co tempo, o trebello foise popularizando fóra do ámbito militar, ao abaratarse o seu custo e comezar a ser aplicado con novas finalidades. En paralelo, tamén se estendeu en inglés o nome drone -literalmente abellón- como o xeito máis habitual de referirse a el.
 

Esta palabra encaixa sen maiores dificultades nas linguas romances, e por iso practicamente todas a aceptan sen modificacións (drone, en portuguésfrancéscatalán e italiano) ou con cambios mínimos (dron en castelán). E en galego, que?
 

Pois no uso real podemos atopar exemplos de ambas as formas, e existen argumentos para xustificar calquera delas: drone, como imitación da forma escrita, e dron, como copia da pronuncia orixinal.
 

 Nunha situación así, non me atrevo a dicir que debamos desbotar unha das dúas alternativas, pero dado que a harmonización coas linguas romances -e nomeadamente co portugués- é un dos fundamentos na norma do galego, creo que deberiamos darlle prioridade ao uso de drone.

 

[Actualización do 24/04/2017]

A Comisión de Validación Terminolóxica de Termigal decidiu hai poucas semanas recomendar para o galego a forma dron (aquí). Polo tanto, este é o nome que a partir de agora debe empregarse para nomear ese concepto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2023.