Pasar al contenido principal

173. A "mariola" non é (só) un xogo.

Un idioma preciso

Non descubro ningunha novidade se digo que algunhas especies vexetais ou animais teñen en galego ducias de nomes populares: os exemplos de Digitalis purpurea (os estraloques), de Ruscus aculeatus (o rascacú), ou de Mustela nivalis (a donicela) son ben coñecidos.
 

Esta realidade, que os especialistas en dialectoloxía ven como unha riqueza, pode converterse nun problema para quen redacta textos técnicos, pois o uso indiscriminado de denominacións diferentes para referirse a unha mesma especie pode dificultar a súa identificación. Para evitalo -ademais de empregar os nomes científicos, como eu fixen máis arriba- os autores acaban usando só un ou uns poucos deses nomes populares, que son os que os dicionarios de lingua acaban destacando como formas da variedade estándar.
 

Todo isto vén ao caso dos nomes galegos para a especie de peixe Ciliata mustela (ou Gaidropsarus mustela). Nos portos galegos documentáronse máis de dúas ducias de formas distintas de referirse a el; pero os dicionarios e outras fontes de referencia non deron acadado un consenso á hora de privilexiar algunha delas como a estándar. E o resultado é unha ensalada de propostas:
 

Sen pretender ser exhaustivos, chamóuselle anguía barbuda en guías de peixes editadas nos anos 90, bacallao de cinco barbelas no Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos (2000), mariola ou barbada de cinco barbelas no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (2000), barbada lisa ou barbuda no Gran dicionario Xerais da lingua (2009), madrela en clasificacións de especies pesqueiras recollidas no DOG e no BOE (2012), bacallau de cinco barbelas no Dicionario de alimentación e restauración (2012) e mariola no Dicionario da Real Academia Galega (2012). Chama a atención especialmente que unha entidade como a RAG edite no mesmo ano (2012) dous traballos nos que recomenda denominacións totalmente diferentes sen ningunha explicación nin referencia mutua.
 

Para intentar orientarse nesta mada de nomes as pautas máis coherentes ofreceunas Luís Daviña Facal no seu Diccionario. Alí recomendaba empregar barbada para identificar as especies dos xéneros Ciliata Gaidropsarus, o que nos dá un argumento para desbotar a "anguía" e o "bacallao/bacallau", que deberían reservarse para a denominar os xéneros Anguilla Gadus, respectivamente. E, xa que logo, recomenda o emprego de barbada de cinco barbelas, que ten equivalentes moi semellantes nas linguas do noso contorno, ou de mariola, que é unha das denominacións populares máis estendidas para esta especie.
 

Nós optamos aquí por seguir ese consello e recomendar mariola e barbada de cinco barbelas como nomes galegos para Ciliata mustela.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2023.