Pasar al contenido principal

166. Startup, ou os anglicismos (disque) insubstituíbles

Un idioma preciso

A semana pasada foi noticia -polo menos na USC- que un proxecto da empresa Cilenis, xurdida dunha liña de investigación desta Universidade, acadou un importante recoñecemento nun certame promovido polo Massachusetts Institute of Technology. 
 

Como en moitas das informacións publicadas se falaba da "start-up Cilenis", imos fixarnos hoxe neste anglicismo, e amosar tamén cal é o "truco" que permite que palabras estranxeiras nos parezan imposibles de substituír por outras da lingua propia, porque estas últimas non dan acadado o grao de precisión e exactitude das primeiras á hora de nomear un concepto determinado.
 

Comecemos polo evidente. Start-up ou startup é un anglicismo difícil de integrar nas linguas románicas: nin a grafía (ese st- inicial, ese -p final) nin a relación desta coa pronuncia (deberiamos ler [estartup] ou escribir "estartap"?) encaixan ben nos padróns habituais daquelas. É certo que iso non impide que determinadas palabras estranxeiras de uso moi estendido se incorporen á norma do galego (lembremos software), pero esa dificultade debería ser un argumento a favor da súa substitución por unha alternativa.
 

Así parecen entendelo tamén as entidades que intentan orientar a norma do castelán, que propoñen empresa emergente, ou as que fan o mesmo para o francés (jeune pousseentreprise en démarragejeune entreprise) ou o catalán (empresa emergent). Noutras linguas como o italiano ou o portugués, a palabra inglesa parece estar moito máis asentada e, aínda que se detectan propostas para evitala (companhia emergenteempresa em arranque...), estas acadan escaso éxito.
 

Vistos as dificultades para incorporar o anglicismo -que ademais, non parece ter un grao de difusión que o converta en irreversible- e o que se fai nas linguas veciñas, parécenos que o lóxico é recomendar para o galego o emprego da forma empresa emerxente.
 

Pero propostas coma esta adoitan ser criticadas co argumento de que o nome galego é ambiguo e non non recolle todos os matices de significado que ten a expresión inglesa. Tal cousa só é posible porque ao incorporar esta última quedamos unicamente coa súa forma, baleirándoa do seu significado orixinal, o que a converte nunha caixa que podemos encher exactamente coas características do concepto que queremos nomear. Así podemos, por exemplo asignarlle a startup o significado de 'empresa de constitución recente que responde a unha oportunidade de mercado importante e que ten un marcado carácter innovador e un crecemento forte e rápido'. Evidentemente, é imposible atopar unha expresión galega que signifique exactamente iso.
 

Curiosamente, ese nivel de precisión non se dá acadado nin no propio inglés. Neste idioma, non se pode tratar startup como unha caixa baleira, porque esa palabra ten unha historia previa que non se pode ignorar. Por iso, en inglés startup é tamén unha forma ambigua, que significa tanto 'a business that has just been started' (Cambridge Dictionaries) como 'a company, a partnership or temporary organization designed to search for a repeatable and scalable business model' (Wikipedia).
 

Xa que logo, non nos parece de peso o argumento que critica a falta de precisión de formas como empresa emerxente, porque esa mesma crítica podería facerse no propio inglés contra o préstamo que se pretende importar. Por iso, pensamos que esa denominación debería ser empregada no canto de startup ou startup company.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2023.