Pasar al contenido principal

164. Os gatos galegos rosman de contentos?

Un idioma preciso

De moitos animais sempre se di que "só lles falta falar", ou que son coma a xente "fóra a alma", por iso sorprende que ás veces nos enleemos ao darlles nome aos sons con que se comunican con nós ou cos seus conxéneres.
 

Isto vén a conto de que en galego non temos claro como chamarlle a este son tan típico dos gatos e doutros felinos, que é a súa forma de manifestar confianza e tranquilidade en relación co seu contorno (outros gatos, humanos...).
 

Na maior parte das linguas románicas o seu nome constrúese a partir dunha onomatopea ("ron"), que intenta reproducir ese son. Así, en castelán fálase de ronroneo (e de ronronear, para a acción de emitilo), en portugués de ronrom (e ronronar), en francés de ronron ou ronronnement (e ronronner) e en catalán de ronc (e roncar). No entanto, linguas que non proveñen do latín, empregan denominacións de orixes distintas, como o purr do inglés ou o Schnurren do alemán.
 

En galego, a Real Academia aconséllanos no Dicionario castelán-galego o uso de rosmar ou roñar, que tamén parecen querer reproducir o son do animal. Pero cando imos comprobar no Dicionario da lingua galega a coherencia desta recomendación batemos cunha sorpresa: na definición de ambos os verbos destácase que ese son é 'xordo e áspero' e que se emite cando o animal está 'en actitude de defensa'. Se a iso lle unimos que ofrece sinónimos como gruñir, non parece que estean describindo o son que puidemos escoitar antes.
 

Se desbotamos, logo, o uso de calquera deses dous verbos, debemos buscar unha alternativa. E, posiblemente, a mellor sexa ronronar, unha forma documentada en galego, polo menos desde o Catecismo do labrego de Lamas Carvajal, e totalmente coherente coas formas empregadas no noso contorno lingüístico.
 

Resumindo: pensamos que ronrón e ronronar poderían empregarse en galego para definir ese son tan característico do gato e doutros felinos no canto das formas que neste momento se están recomendando desde os dicionarios académicos.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2023.