Pasar al contenido principal

160. Feixes que forman faxinas

Un idioma preciso

En determinadas tarefas de enxeñaría civil (estabilizar noiros, darlle consistencia a terreos lamacentos...) e de rexeneración paisaxística e forestal (estabilizar ribeiras, controlar a erosión do solo...) empréganse uns rolos de podalla asegurados con arames, que en castelán se coñecen como fajinas. Imos intentar determinar cal debe ser a forma usada en galego para darlle nome a ese concepto.
 

En principio, non debería ser moi difícil chegar a unha conclusión, pois as nosas linguas veciñas recorren a denominacións moi semellantes. Tanto a que acabamos de indicar en castelán, como as do inglés (fascine), francés (fascine ou fagot), portugués (faxina) ou catalán (feixina) remiten a unha orixe común: o substantivo italiano fascina e, en última instancia, o latín fascis.
 

As diferenzas maniféstanse na forma en que se trata o italianismo. Mentres uns idiomas o incorporaron partindo da súa forma escrita (inglés e francés modifican unicamente a vogal final), outros (castelán e portugués) tomaron como base a pronuncia en italiano, e buscan caracteres propios para intentar representar o fonema /š/. O catalán, pola súa parte, elixe a vía do calco tomando como base o substantivo patrimonial feix.
 

Calquera dos tres procedementos (que nos levarían, respectivamente, a "fascina", "faxina" e "feixina") sería potencialmente aceptable en galego. Pero na documentación real só atopamos exemplos da última desas formas.
 

Xa que logo, pensamos que faxina -coincidente co castelán e o portugués- debe ser a denominación recomendada para referirnos en galego a ese concepto

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.