159. Obstáculos para o atletismo
Nestes días pasados o atletismo deu accedido aos medios de comunicación e neste verán, sen a competencia dos grandes campionatos de fútbol, ao mellor volve ter os seus minutos de gloria. Aproveitando isto, nós queremos falar de obstáculos, pero non dos que pexan a presenza de determinados deportes na tele, senón dos que teñen que saltar os e as atletas.
Distínguense dous tipos básicos, tanto polas súas propias características (dimensións, peso...) como polas probas en que se empregan ou pola distancia a que se colocan:
- Nas carreiras de 400 m, 110 m (para homes) e 100 m (para mulleres) empréganse unhas barreiras dun mínimo de 10 kg, constituídas por dúas bases metálicas e por soportes graduables en altura que terman dun listón de madeira colocado transversalmente a unha altura que varía segundo o sexo e a categoría dos competidores. En castelán chámanlles vallas, en portugués, barreiras, en inglés hurdles e en francés, haies.
- Nas carreiras de 2000 ou 3000 m empréganse unhas barreiras de madeira de entre 80 e 100 kg de peso e 3,96 m de anchura mínima, formadas por dous soportes e un listón colocado transversalmente sobre eles a unha altura de 0,914 m nas competicións masculinas e de 0,762 nas femininas. Coñécense como obstáculo ou valla de obstáculo en castelán, obstáculo steeplechase en portugués, steeplechase hurdle en inglés e haie de steeple en francés.
E en galego? Pois a verdade é que aínda non acabamos de telo claro, sobre todo se contrastamos a información que nos ofrecen distintos dicionarios:
- O Dicionario castelán-galego da Real Academia galega aposta -incriblemente- por empregar obstáculo para os dous tipos de barreiras, fomentando unha ambigüidade difícil de xustificar:
valla [...] 3. Dep. (en atletismo) obstáculo (m.). La atleta participará en 100 metros vallas. A atleta participará en 100 metros obstáculos.
obstáculo [...]3. Dep. (en deportes) obstáculo. Ganó la carrera de obstáculos. Gañou a carreira de obstáculos.
- Tendo en conta isto, cabería agardar que o Dicionario da Real Academia Galega -editado con posterioridade- confirmara esta recomendación, pero as definicións que ofrece non acaban de aclarar as cousas:
obstáculo s. m. [...] 2. Dep. Cada un dos elementos (valos, muros etc.) que os participantes de determinadas probas ecuestres ou atléticas deben superar durante o percorrido. Saltar un obstáculo.
valo s.m. Construción vertical non moi alta, de pedra, arame, terróns ou outro material coa que se cerra ou delimita un espazo. Saltou o valado dun chimpo. SIN. valo.
É dicir, en obstáculo parece apuntarse que o valo é un subtipo específico de barreira, pero cando intentamos confirmalo nesta última entrada atopamos unha definición xenérica que non abrangue ningunha acepción deportiva.
Outros dicionarios, como o Gran Xerais da lingua, tratan estas dúas entradas de forma semellante á que acabamos de ver.
- No entanto, atopamos tamén traballos como o Dicionario de galego de Ir Indo, que consideran que tanto obstáculo como valo representan conceptos diferentes do ámbito deportivo, aproximándose máis a definicións como as que apuntamos ao comezo:
obstáculo [...] 2 s m DEP Cada un dos accidentes naturais ou artificiais que presenta unha pista en determinados deportes para a realización de carreiras de obstáculos.
valo [...] 2 s m Obstáculo semellante a unha barreira que se pon en probas de atletismo
- E finalmente, son os glosarios especializados no mundo do deporte os que distinguen con máis claridade entre os dous conceptos, como podemos comprobar en Profesionaliza a túa lingua: deportes. Aquí recoméndase empregar valo ou valado como equivalente galego do castelán valla, e carreira de obstáculos (ou carreira valada) para carrera de obstáculos.
Na nosa opinión, é aconsellable empregar denominacións diferentes para eses dous obxectos, tanto polas súas propias diferenzas formais como por empregárense en probas atléticas diferentes e por manter o paralelismo coas linguas do noso contorno. Para a primeira dela poderiamos usar valo ou valado (que son as formas empregadas na documentación real), e para a segunda a máis apropiada parece obstáculo. |