Pasar al contenido principal

153. Os "sumilleres", ou ir beber á fonte limpa

Un idioma preciso

Hai poucos días foi noticia na prensa a celebración en Santiago de Compostela do concurso Nariz de oro, que buscaba elixir ao mellor "sumiller" de Galicia. Esta palabra non figura en ningún dos dicionarios galegos que puidemos consultar, pero é a máis frecuente nesta lingua para referirse aos profesionais da hostalaría encargados da xestión, conservación e comercialización do viño nun restaurante, así como de aconsellar á clientela cal é o que máis se axeita aos pratos que van consumir.

 

Ao intentar saber máis sobre a orixe da palabra, e sobre a forma que elixían as linguas veciñas para referirse ao mesmo concepto, descubrín que procede do francés sommelier, e que viviu unha importante evolución semántica desde a idade media. Naquela época dáballe nome a quen conducía animais de carga, pero con tempo pasou a referirse á 'persoa encargada do coidado da equipaxe e dos alimentos durante as viaxes da Corte', e máis tarde á 'persoa encargada co coidado e o servizo do viño nunha casa nobre', para acabar chegando ao seu significado contemporáneo.

 

Grazas á relevancia da tradición e a cultura francesas no mundo da gastronomía, o concepto e a denominación exportáronse sen modificación ningunha ás outras linguas europeas (inglésportuguésitalianocatalán...), aínda que algunhas delas empregan en paralelo formas propias, como o inglés wine steward ou o portugués escanção. Só o castelán desaconsella a palabra francesa orixinal, para recomendar no seu canto a forma adaptada sumiller, aínda que a primeira segue mantendo unha importante presenza na documentación real.

 

Tendo en conta todo o anterior, creo que é preferible que o galego vaia buscar ese préstamo á súa fonte orixinal (o francés) no canto de asumir como propia a modificación que del se fixo en castelán. Por iso, a nosa recomendación sería empregar sommelier, coma a gran maioría das linguas europeas, e evitar o castelanismo sumiller.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.