Pasar al contenido principal

149. Non son bulbos, pero paréceno: os "bulbilos"

Un idioma preciso

Os bulbos son estruturas botánicas ben coñecidas, que non precisan maior presentación, aínda que só sexa por estarmos afeitos a consumilos na nosa dieta habitual. Semellantes a eles -pero diferentes- son unhas pequenas xemas epixeas transformadas que poden aparecer pegadas aos bulbos, nas axilas das follas ou nas inflorescencias de certas plantas, e que funcionan como órganos de multiplicación vexetativa. Os dicionarios técnicos galegos refírese a eles unhas veces como bulbiños e outras como bulbilos, e neste dilema queremos fixarnos hoxe.

 

A forma bulbiño recomendábase no Vocabulario do medio agrícola, e documéntase cunha certa frecuencia en textos técnicos. O seu emprego pode xustificarse pola semellanza deses órganos con bulbos de pequeno tamaño, pero seguro que tampouco é alleo á influencia do castelán bulbillo. Tamén se podería argüír un influxo do portugués bulbilho ou bolbilho (formas considerada castelanismos en portugués), pero parece pouco probable.

 

A forma bulbilo é a proposta por dicionarios máis recentes e de maior difusión (Diccionario das ciencias da natureza e a saúdeDicionario de galego), pero practicamente non ten presenza na documentación especializada. Desde un punto de vista estrutural pode explicarse como unha adaptación do latín científico bulbillus, igual ca arilobacilocodicilo ou pistilo (de arillusbacilluscodicillum e pistillum respectivamente), e ademais encaixa mellor coas denominacións empregadas na maior parte das linguas do noso contorno, como o inglés bulbil, o francés bulbille ou o castelán bulbilo (forma empregada á par ca bulbillo).

 

Das dúas formas en discusión parece razoable recomendar a segunda, tanto polo que ten (vén avalada por fontes lexicográficas máis modernas e difundidas, é respectuosa coa estrutura interna do galego e coherente coas linguas veciñas) como polo que evita (a confusión desta estrutura botánica con 'bulbos de pequeno tamaño' e a influencia do castelanismo).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.